Anuncios
Ticker de novas

Gondomar pon en marcha unha aplicación turística con máis de 70 puntos de interese

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Patricia Costas, Xosé Antón Araúxo e Daniel Rodríguez.

O Concello de Gondomar pon en marcha unha aplicación que calquera dos seus habitantes poderá baixar no seu móbil, tablet ou ordenador, para acceder a un grande banco de datos de puntos de interese turístico do municipio.

A aplicación recolle máis de 70 rexistros turísticos, estruturados en seis grandes eixos: Arquitectura Civil, Arquitectura Relixiosa, Espazos Naturais, Arqueoloxía, Roteiros , e Festas e tradicións.

A prolífica catalogación, unha das máis completas de Galicia, recolle: Pazos, petróglifos, igrexas románicas, pontes románicas, Serra do Galiñeiro, castros, vistas panorámicas, curros, Corpus, festas gastronómicas… Todos eles son enumerados, localizados e documentados.

Un dos principais activos desta ferramenta é a xeolocalización de todos os puntos de interese turístico, de tal xeito que o usuario poderá coñecer instantaneamente a distancia, o tempo, e a ruta de cada recorrido (a pé, en bicicleta ou en coche) a cada un dos elementos recollidos no catálogo. Pudendo usarse, tamén, o móbil como GPS que nos leve ata o punto turístico elixido.

No exhaustivo documentado traballo de recolección colaboraron activamente tanto Patricia Costas Collazo, Técnica de Turismo, facilitada pola Deputación de Pontevedra, como Daniel Rodríguez Estévez, alumno do IES Terra de Turonio, grazas ao convenio asinado co Ciclo de Actividades Físico Deportivas no Medio Natural.

“No momento en que se libere o bloqueo orzamentario que padece o Concello de Gondomar, incluiremos as 35 rutas de sendeirismo que estudado, deseñado e perfilado desde a Concellería de Turismo”, sinala Xosé Antón Araúxo.

Para axudar aos potenciais visitantes esta aplicación tamén identifica puntos do comercio e hostalería local que responden a tres preguntas: Onde comer? Onde durmir? Onde mercar?.

Por último non faltan os teléfonos de interese máis socorridos.

“A aplicación está escrita en Galego e Castelán. Na Concellería de Turismo, agardamos tela pronto tamén en Portugués e Inglés, na medida que dispoñamos de recursos”, engade o concelleiro de Comercio e Turismo.

“Esta aplicación estará operativa antes de que remate o mes de xullo, e o Concello convida e anima aos veciños de Gondomar a que a baixen, que se sintan orgullosos do gran patrimonio que acumulamos, algún de autentica excelencia turística e sobre todo a que se convertan en Oficinas de Turismo Virtuais, para espallar aos nosos emigrantes, expatriados, visitantes e ao mundo, todo o que nós podemos aportar. Sería un fermoso soño ter 14.233 Oficinas de Turismo en Gondomar, unha por cada habitante.

Para os que guste a información clásica poden ir, a partir do 1 de agosto, á Oficina de Turismo de Gondomar de luns a venres de 10:00 a 13:30 horas no CDL de Gondomar (Escolas Vellas – Avda. Conde de Gondomar) e polas tardes de 16:00 a 18:30 horas na Oficina de Turismo do Parque da Feira s/n, onde tamén se atenderá os sábados de 10:00 a 13:30 horas.

Para descargar a aplicación hai que entrar no enderezo turismo.concellodegondomar.gal.

Anuncios