Os nenos da Escola de Verán de Sabarís visitan o Centro de Día

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Visita dos nenos da Escola de Verán de Sabarís ao Centro de Día.

Os nenos e nenas que participan este mes de xullo na Escola de Verán de Sabarís, organizada polo Concello de Baiona, visitaron o xoves o Centro de Día da Rede de Centros de Maiores da Xunta de Galicia.

Con esta actividade, ademais dos obxectivos explícitos de lecer e entretemento, traballáronse valores de convivencia interxeracional. “A alegría e ilusión con que os usuarios e usuarias do centro recibían aos pequenos quedou plasmada nos seus sorrisos e mesmo nas emocións que manifestaban ao realizar actividades conxuntamente”, apuntou a concelleira de Igualdade, Carmen Paredes.

Xogos de memoria, actividades con exercicios físicos adaptados e mesmo actividades realizadas a través das Novas Tecnoloxías fixeron da xornada a escusa ideal para crecer e compartir momentos agradables e positivos.

A Concellería de Igualdade de Baiona organiza a Escola de Verán 2017 con preto dun cento de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. A actividade de conciliación, posta en marcha para dar servizo ás familias baionesas, tivo unha resposta altamente positiva e foron admitidas todas as solicitudes. A Escola de Verán desenvólvese ao longo do mes de xullo, de luns a venres, no CPI Covaterreña e no CEP de Sabarís.