O Val Miñor contará cunha Ruta Ciclista Protexida

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Esta mañá presentouse en Madrid o mapa de Rutas Ciclistas Protexidas, unha das medidas incluídas dentro do Plan de Actuación da DXT para a protección deste colectivo. En Galicia doce rutas, tres por cada provincia, recibirán este tratamento despois do traballo conxunto levado a cabo durante os últimos meses pola Federación Galega de Ciclismo, a Secretaría Xeral de Infraestruturas da Xunta de Galicia, a DXT e a Garda Civil. Para esta actuación e outras que se están a desenvolver, os organismos oficiais contaron coa inestimable axuda dos clubs e asociacións ciclistas de toda a comunidade.

As Rutas Ciclistas Protexidas galegas suman un total de 689,4 quilómetros e serán Guntín – O Pedrouzo, Nos – Santa Cruz e a Ruta do Barbanza na provincia da Coruña; Ourense – Ribadavia – Ourense, Maceda – Almoite – Milagros – Maceda e Ourense – Ribadavia – O Carballiño – Ourense na provincia de Ourense; A Brea – O Couto, Pedrafita do Cebreiro – Alto do Hospital e Villalba – O Reboredo na provincia de Lugo; e Volta ao Val, Vilasobroso – O Porriño e a Ruta do Sol na provincia de Pontevedra.

A Ruta Ciclista Protexida Volta ao Val incluirá as vías PO-552 entre os puntos quilométricos 12,800 e 71,700, a PO-340 entre A Ramallosa e Gondomar (pk 21,500-17,400) e a PO-331 entre os puntos quilométricos 0,800 e 19,100.

Gregorio Serrano, director xeral de Tráfico; José Luis López Cerrón, presidente da Real Federación Española de Ciclismo; e Alfonso Treviño, presidente da Asociación de Ciclistas Profesionais, participaron no acto no que se desvelou o mapa destas rutas para todo o estado. Serrano apuntou que «o obxectivo desta medida é protexer aos miles de usuarios de bicicleta que saen principalmente os fins de semana a practicar ciclismo, de modo que dispoñan de rutas especialmente vixiadas».

As medidas concretas levaranse a cabo durante os días e as horas de presenza máis destacada e habitual de ciclistas, que adoita ser as mañás dos sábados e festivos. Entre estas medidas que se van a adoptar destacan:

• Sinalización da ruta ciclista e acougado do tráfico: diminución temporal do límite máximo de velocidade.

• Por parte da ATGC intensificarase a vixilancia presencial nestas rutas. En especial, velarase polo cumprimento das normas de seguridade relativas á distancia lateral no adiantamento a ciclistas, velocidade inadecuada ou manobras antirregulamentarias.

• 3.000 patrullas máis en xullo e agosto.

• Controis preventivos de alcol e outras drogas nestas rutas seleccionadas, así como nas súas vías de acceso.

• As patrullas de helicópteros da DXT incluirán ditas rutas ciclistas protexidas nos seus labores de vixilancia.

• A través das xefaturas provinciais solicitarase a colaboración activa das policías locais para mellorar a seguridade nestas rutas.

• Tamén se solicitará colaboración aos titulares das vías con rutas ciclistas protexidas, para que, na medida do posible, dean prioridade ás tarefas de conservación que, no seu caso, resulten necesarias.