Nova edición de «Unha tapa con Carlos Casares» en Gondomar

FOTO: LIBRARÍA LIBRAIDA

Como todos os últimos xoves de cada mes, a Libraría Libraida e a Taparía A Galiña de Ardora de Gondomar organizan «Unha tapa con Carlos Casares», unha perfecta maridaxe entre a literatura e a gastronomía para homenaxear ao escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e moi vinculado á comarca do Val Miñor.

O acto, que comezará ás 20:30 horas, está dividido en dúas partes. Na primeira, unha persoa convidada achega aos asistentes unha das obras de Carlos Casares, e na segunda, comparten unha lectura de texto escollido e recollido na Marxe, o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia desde 1992 ata 2002, mentres degustan unha tapa na taparía. Nesta ocasión “Ilustrísima” comentada por Camiño Noia Campos e “10 lecturas compartidas con tapa”.

“A chegada do cinematógrafo a unha pequena cidade galega desata o enfrontamento entre o bando máis intransixente do clero, apoiado polas profecías apocalípticas dunha monxa coa aparente capacidade para levitar, e o talante aperturista do bispo, un home tan devoto como amante dos praceres terreais e do trato coa xente do común”.

“Ilustrísima, publicada pola Editorial Galaxia en 1980, é unha das obras máis coñecidas de Carlos Casares, un texto contra a violencia e o fanatismo do que se poden trazar desgraciados paralelismos coa actualidade. Escrita cunha prosa sinxela pero traballada, case transparente, deixa para a historia personaxes inesquecibles coma o do bispo comellón e tolerante, posuidor dunha mirada chea de compaixón e bondade que non comparten os seus subordinados”.