A 15K do Atlántico abre as súas inscricións

A quinta edición da carreira popular 15K do Atlántico-Banco Mediolanum abre este mércores o seu período de inscricións, o cal se prolongará ata o 27 de setembro. Os participantes poderán inscribirse online a través da web http://www.championchipnorte.com ou de forma presencial nos ximnasios Do-Majo (A Guarda) e Excálibur (O Rosal), e poderán beneficiarse dun prezo reducido de 10 € ata o vindeiro domingo. Como todos os anos, a proba tamén contará cunha andaina de 12 quilómetros para a que tamén será necesaria inscrición seguindo o mesmo proceso.

A 15K do Atlántico-Banco Mediolanum converteuse en moi pouco tempo nun clásico das carreiras populares no outono, reunindo preto de 800 corredores cada ano. Como xa vén sendo tradición, a cita terá lugar o primeiro domingo de outubro e os participantes deberán completar un circuíto de 15 quilómetros entre o campo de fútbol de Oia e o Paseo Marítimo da Guarda. O percorrido, paralelo á costa sur da provincia de Pontevedra, comparte tramos do Camiño de Santiago e é un dos grandes atractivos desta proba. Ás 11:00 horas arrincará a carreira e unha hora antes tomarán a saída os participantes da andaina popular.

A 15K do Atlántico está organizada por Qualité Sport en colaboración con Banco Mediolanum e os Concellos de Oia e A Guarda e intégrase dentro do circuíto 15K Series Banco Mediolanum, apadriñado polo ex campión do mundo de maratón, Abel Antón.