O IEM propón este xoves unha xeira pola parroquia de Camos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Este xoves 27 de xullo terá lugar unha nova xeira de verán do IEM polo concello de Nigrán, baixo o título «Da Touza aos muíños de Táboas. Toponimia e patrimonio», que percorrerá unha ruta circular por Camos co especialista e guía Anxo Rodríguez Lemos.

A xeira ten como punto de encontro o Concello de Nigrán ás 18:00 horas, e o lugar da saída será no centro cultural A Camoesa de Camos, pouquiño despois do Pazo da Touza. Aparcados os coches, os participantes seguirán cara a Torre da Lama para ir coñecendo o patrimonio máis sobranceiro da parroquia de Santa Baia de Camos.

Boa parte do territorio que, na actualidade, conforma o concello de Nigrán, estivo durante o Antigo Réxime baixo xurisdición real. Eran terras de reguengo como o era Baiona, cabeza da Xurisdición Real e vila á que pertencían os veciños da parroquia de Santa Baia de Camos no contencioso. No político e gobernativo, rendían contas ante o procurador xeral do partido do Val de Miñor. Santa Baia de Camos era pois, unha das quince parroquias dunha antiga xurisdición real que desaparecería coa división municipal promulgada polas cortes de Cádiz coa que se constitúen os concellos de Panxón e A Ramallosa (suprimidos en 1823) orixe da nova ordenación municipal resultado da división proposta por Javier de Burgos en 1833.

Entre os puntos de interese que visitaranse están a Torre da Lama ou Torre de Méndez; a Casa do Canónio; o conxunto etnográfico a Fonte de Malde e o Cuberto do Carro da Casa de Malde; a Terra dos Cruceiros: O Calvario; o Cruceiro do Adro: o Cruceiro Maior; Camposanto e igrexa parroquial de Santa Baia de Camos; o panteón do Rei dos Cafeteiros: Don Francisco San Román; o Muíño de Riba: muíños no río de Táboas e o Pazo da Touza ou Casa das Señoritas de Pla.

Anuncios