O PP denuncia a falta de mantemento nas praias e o caos de tráfico por falta de aparcadoiros

FOTO: PP NIGRÁN

O Partido Popular de Nigrán, a través do seu Grupo Municipal, quere facer pública a súa preocupación pola falta dun adecuado mantemento así como os enormes problemas que xera a falta de zonas de aparcadoiro nas praias en plena tempada estival.

Segundo denuncian os populares, cando nos atopamos en pleno verán, coa zona de Praia América, Panxón, Patos… en plena actividade turística e hostaleira, varias infraestruturas públicas, cuxo coidado e mantemento en boas condicións corresponde ao actual goberno municipal de Nigrán, atópanse cun déficit importante no seu mantemento. “Isto leva a que a imaxe das devanditas áreas de lecer e esparexemento do noso municipio aparezan como descoidadas e deterioradas aos ollos daquelas persoas que nos visitan e quizais aínda con máis transcendencia aos dos propios veciños de Nigrán, que queren ver as súas infraestruturas en perfecto estado de ornato e ben coidado”.

O pavimentado de Rúa Vista ao Mar, pleno centro de Praia América, realizado con lousas de granito por parte do Concello con cargo ao Plan E, atópase deteriorado e parcheado. Esta zona é transitada a diario por centos de vehículos e utilizada nas súas beirarrúas e terrazas por miles de persoas. O mesmo ocorre no Paseo Marítimo de Panxón, con lousas levantadas.

O peche perimetral da zona das Dunas (zona correspondente ao Espazo Natural de Interese Local) atópase con postes arrincados e o aramado do peche perimetral rota en moito do seu percorrido.

“Estes e outros problemas de mantemento (sinalización rota ou deteriorada, mal coidado das especies arbustivas e arbóreas, etc ), dana á imaxe turística do noso municipio, que como se pode comprobar nos foros económicos consultables, depende como primeira actividade económica no momento actual do sector servizos e fundamentalmente do turismo”, afirman desde o PP.

“É xa hora de que os actuais gobernantes municipais, deixen de traballar só para a galería fotográfica e póñanse a traballar na priorización daquelas tarefas que non só manteñan, senón mesmo melloren a imaxe do noso municipio cara ao exterior, polo ben da economía e o emprego en Nigrán”.

Para o Partido Popular, mención especial require o caos no tráfico que se vive nesta contorna das praias de Nigrán. “A eliminación de prazas de aparcadoiro, fundamentalmente en Panxón (eliminación dun centenar de prazas de aparcadoiro de Rúa Mariñeiro), a eliminación de máis dun milleiro de prazas de aparcadoiro en Praia América, e a falta de novas alternativas, está a provocar que poder aparcar no noso litoral e mesmo poder gozar por tanto dos nosos areais sexa case unha misión imposible”.

“Con todo, o goberno socialista se despreocupa destes asunto que ao final nos prexudican a todos, usuarios dos areais, veciños que sofren un auténtico caos no tráfico, e hostaleiros pola cantidade de veciños e visitantes que teñen que optar por irse dos nosos areais polos problemas que enumeramos”, conclúen os populares.