O Santorum & Martínez, gañador virtual da etapa do Carrumeiro Chico

FOTO: ROSANA CALVO // O Santorum & Martinez é o gañador virtual.

O Grupo Santorum & Martinez, do Club Náutico de Boiro, é o gañador virtual da etapa do Carrumeiro Chico, a máis longa e emocionante do 42º Conde de Gondomar- Trofeo Banco Sabadell, que se celebra estes días nas Rías Baixas.

A tripulación patroneado por Javier Durán, deberá esperar a que se resolva, mañá luns, a protesta presentada por un choque co Salseiro do Real Club Náutico da Coruña, para saber se finalmente resultan os vencedores definitivos da proba.

O Santorum & Martínez foi o barco máis favorecido pola compensación de tempos e o Aceites Abril, do Real Club Náutico de Vigo, o máis rápido en completar o percorrido de algo máis de 95 millas de ida e volta entre Baiona e o Carrumeiro Chico.

Tras saír ás once e dez da baía de Baiona, e tras máis de nove horas de navegación, o veleiro liderado por Luis Pérez Canal virou o faro de Corcubión ás oito e media e cruzou a liña de chegada ás dúas e vinte e cinco da madrugada, logrando un tempo de quince horas e quince minutos de navegación.

Apenas cinco minutos despois finalizaba a proba o Pairo 8, tamén do náutico vigués, patroneado polo mozo Alberto Basadre, que se mantivo practicamente en todo momento á cabeza da proba co Aceites Abril.

Por baixo das dezaseis horas de navegación tamén lograron completar a regata o Solventis do Monte Real, con Malalo Bermúdez de Castro á cabeza; o Siradella de Portosín, liderado por Francisco Gude; e o Grupo Santorum & Martinez, que cruzou a chegada ás tres e sete minutos da madrugada, a piques de cumprirse as dezaseis horas desde a saída.

A pesar da dificultade da proba, unha das máis duras das competicións náuticas que se celebran en España, apenas se produciron incidentes de importancia. Ademais do choque entre o Santorum & Martinez e o Salseiro, unicamente retiráronse da proba dous barcos, a Alma do Mar, da Mariña de Sada, que rompeu o temón tras tocar nuns baixos cando se aproximaba a virar o Carrumeiro; e o Marara IV, do Club Marítimo Rías Baixas, que quedou sen vento e decidiu acender motor.

Polo demais, a proba, na que competían unicamente barcos das clases Storax ORC 0-1 e PSA Retail ORC 2-3, desenvolveuse con ventos do noroeste de entre 8 e 10 nós, que rolaron a norte conforme foi entrando a noite.

Os veleiros que participan no 42º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell volverán ao auga mañá luns a partir do mediodía para participar nunha proba de circunnavegación das illas Cíes e Ons. Pola tarde, unha vez finalizada a competición no mar, as tripulacións poderán degustar gintonics de Martin Miller e Royal Bliss e unha cea mariñeira que se ofrecerá nas instalacións do Monte Real.

Anuncios