Festas de Santiago e Santa Ana en Parada

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Procesión de Santiago e Santa Ana en Parada.

A parroquia nigranesa de Parada celebra os días 24, 25, 26 e 27 de xullo as súas festas patronais na honra de Santiago e Santa Ana.

A VIII Festa da Xuventude iniciará o programa previsto o luns 24 de xullo a partir das 00:00 horas en Porto do Molle. Haberá a macro discoteca móbil “Space Music” con DJ Kokito e o showman “Edi FM”, gogos e animación, zona de atraccións, reportaxe audiovisual e bar con prezos populares.

O martes 25 ás 10:00 da mañá entrada e pasarrúas polo recinto de festas (Igrexa) a cargo da Banda de Música de Candeán. Ás 12:00 celebrarase a Misa Solemne na honra de Santiago, cantada pola coral Ecos do Castelo, seguida de procesión acompañada pola mesma Banda de Música. Ás 19:00 horas o Mago Javier Muros actuará no recinto de festas e ás 20:00 horas A Banda de Música de Candeán ofrecerá un concerto. Pola noite, en Porto do Molle, a verbena estará amenizada pola orquestra Cinema e o grupo Atenas.

O mércores 26 ás 10:00 da mañá entrada e pasarrúas polo recinto de festas (Igrexa) a cargo da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Ás 12:00 do mediodía comezará a Misa Solemne na honra de Santa Ana cantada polo Coro Mixto Stella Maris, seguida de procesión acompañada pola mesma Banda de Música. Ás 18:00 horas realizarase a tradicional fogaza e á noite en Porto do Molle, a verbena estará amenizada pola orquestra Panorama e o grupo D’Líder.

O xoves 27 ás 17:00 horas terán lugar as tradicionais cucañas no recinto de festas (Igrexa).

Anuncios