Concerto de Peregrino Gris en Baiona

A Praza do Concello de Baiona acolle este domingo 23 de xullo a actuación de Peregrino Gris, un grupo costarriqueño de música folk e celta (denominación que se dá xeralmente á música influenciada polas correntes de música tradicional de Irlanda, Escocia, Galicia, e a Bretaña Francesa). O concerto, incluído na programación cultural e de lecer Baiverán 2017 organizada pola Concellería de Cultura, comezará ás 23:00 horas.

O grupo, formado por Eduardo Oviedo, Rodrigo Oviedo, Randall Nájera e Orlando Ramírez, fundouse o 11 de marzo do ano 2001, aínda que o traballo de investigación e composición iniciouse uns sete anos antes. En decembro do ano 2003 saíu ao mercado o primeiro disco compacto do grupo, e dous anos despois, en decembro do 2005, o segundo, denominado «Confrontación». Ambas as dúas producións inclúen composicións 100% orixinais e tiveron bastante éxito de vendas e difusión.

Nestes momentos o grupo está no proceso de gravación do que será o seu terceiro disco compacto con música orixinal. Ademais inclúe dentro do seu repertorio música tradicional de Irlanda, Escocia e Galicia.

Anuncios