O Club Ciclista Rías Baixas conservou o liderado de Willem na terceira etapa da Volta a León

O xefe de filas do Club Ciclista Rías Baixas chega vestido de amarelo á etapa reina da Volta a León. O traballo dos seus compañeiros á fronte do pelotón permitiu que Willem Jakobus conserve o liderado tras a disputa da segunda xornada, de 137,2 quilómetros entre Hospital de Órbigo e Santa Colomba de Somoza. O surafricano da entidade presidida por José Luis Chamorro cruzou a liña de meta en novena posición, a 15 segundos do gañador Stefan Bennett (GSC).

Esta etapa de transición estivo marcada por unha escapada inicial de 21 corredores. Cunha diferenza que roldou durante gran parte da xornada os catro minutos, a cabeza de carreira foise seleccionando ata quedar conformada por oito unidades.

Por detrás o Club Ciclista Rías Baixas asumiu o mando do pelotón con Jon Ander Tomei, Raúl González, Jaime Guzmán e Mornay Van Heerden, que no tramo final contaron coa colaboración dos equipos dos sprinters. Nos últimos 10 quilómetros os escapados entraron con 1’25» de vantaxe e tres dos integrantes da fuga distanciáronse dos seus compañeiros de aventura. O máis rápido deste trío na recta de meta foi Bennet, co gran grupo pisándolle os talóns a 15″.

Na xeral, Willem mantén un mínimo colchón de 6″ sobre Roberto Méndez (Deputación de León) e López Cozar (Fundación Euskadi). O surafricano da estrutura miñorana tamén continúa líder da Regularidade e da Combinada.

Este venres chega o prato forte da rolda leonesa cun montañoso percorrido que terminará na subida ao porto de categoría especial de Ancares. Serán 128 quilómetros con saída en Vega de Espinareda e final nunha ascensión que se afrontará pola súa vertente máis dura e cos seus últimos 5 quilómetros a un 12% de desnivel medio.