O PP considera que o “deixamento e incompetencia” do goberno socialista deixa a Nigrán sen orzamentos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Partido Popular de Nigrán, a través do seu grupo municipal, asegura que fontes do Concello confirman que o municipio funcionará todo o exercicio 2017 co orzamento prorrogado do 2016.

Consideran que o goberno socialista dá outra vez mostras do seu deixamento e incompetencia, sendo incapaz de presentar ao pleno unha proposta de orzamento para o seu debate, a pesar de que a maioría dos grupos da oposición manifestaron na única reunión preparatoria conxunta a súa intención de realizar achegas e colaborar para que Nigrán tivese orzamento para este exercicio 2017.

E iso a pesar de que no debate do ano 2016, en sesión plenaria do 3 de marzo na que se aprobaron os orzamentos coa colaboración da oposición, o Alcalde lamentábase e desculpaba por levalos ao pleno avanzado o ano e que xa non sucedería para o ano 2017.

“Outra das promesas do Sr. Alcalde, que xa estamos a nos afacer á súa falta de cumprimento”, sinalan os populares, que tamén lembran que hai uns meses indicaba aos medios de comunicación que o orzamento municipal non era unha das súas prioridades.

A ausencia de orzamento impedirá contar con investimentos de orixe, sobrevivindo o investimento a base de subvencións doutras administracións.

“A falta dunha adecuada xestión dos actuais ingresos municipais, dá lugar a que o Remanente de Tesourería estea a alcanzar uns parámetros desproporcionados, estando o diñeiro acumulado en contas bancarias, sen usar, e por tanto sen que o Concello colabore na creación de emprego e no fomento da actividade económica no municipio”, recalca o PP.

“Desde o goberno sempre se achaca este déficit de xestión aos servizos municipais, pero máis ben o déficit atópase no seu pasotismo e falta dunha adecuada organización e priorización nas tarefas para realizar polos empregados municipais”, conclúen.