CABE: “Hai que ter moita caradura e cinismo para tomar como reféns a unhas nenas e as súas ilusións”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O goberno municipal levou ao Pleno do pasado luns as subvencións nominativas para o exercicio 2017, que foron aprobadas por unanimidade. Entre elas non estaba incluída ningunha subvención para o Club de Patinaxe Artística de Gondomar. Primeira mentira do Sr. Alcalde de Gondomar.

Hai dúas formas de conceder as subvencións, un procedemento ordinario en réxime de concorrencia competitiva (comparación das solicitudes presentadas) e un excepcional: o de concesión directa que son as subvencións previstas nomitativamente nos orzamentos, estas son as que se aprobaron no Pleno.

“Tiña por tanto o Sr. Ferreira dúas posibilidades: a concesión directa da subvención de 3.000 € ao Club de Patinaxe de Gondomar. Non foi a escollida polo Sr.Alcalde, xa que na relación que se aprobou por unanimidade no pasado pleno non estaba. E non estaba porque o Sr. Alcalde non a incluíu. El saberá o por que, só a el é imputable este feito tal vez por descoido, desidia, ou falta de xestión”, sinala Pauliño del Río, voceiro do Grupo Municipal de CABE.

A outra posibilidade é entrar xunto co resto das asociacións na concesión por concorrencia competitiva: a día de hoxe non está nin feita a convocatoria, nin aprobadas as súas bases reguladoras, nin nomeado o tribunal de valoración, nin publicitados os criterios de valoración, nin os requisitos para solicitar a subvención nin que documentación hai que presentar, nin polo tanto valoradas as propostas para ver as que se aproban e as que se denegan.

“Resumindo, o Sr. Alcalde volveu vender fume, comprometeuse a algo que non cumpriu, e faltoulle ao respecto non só a este Club de Patinaxe senón ás ducias de asociacións, entidades e clubs que solicitan subvención por esta vía e nada teñen garantido que se lles vaia conceder e que cantidade. Ou estaba anunciando o Sr. Alcalde que ía prevaricar concedendo a dedo una subvención que debía resolverse mediante unha valoración?”, engade del Río.

Para o voceiro de Gondomar Concello Aberto, “hai que ter moita caradura e cinismo para tomar como reféns a unhas nenas e as súas ilusións para mentir sobre o que pasou e pretender con isto que se lle dera carta branca para seguir gastando sen control”.

Segundo Pauliño del Río, o que o Alcalde propuxo no pleno nada tiña que ver co patinaxe senón cunha modificación de crédito por valor de 334.000 € porque en 6 meses xa gastou os cartos de todo o ano “e quere seguir gastando a escape libre”.

“Por que non lle explica ás asociacións culturais, deportivas, recreativas ou sociais que tampouco teñen este ano partida para as subvencións, a onde foron os seus cartos”, conclúe o voceiro de CABE.

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto fará público proximamente unha xeira de gastos realizados polo goberno bipartito, para que a cidadanía de Gondomar coñeza en que gasta o Alcalde “o diñeiro de todos e todas”.