O Trofeo Conde de Gondomar segue cumprindo anos en Galicia

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación do 42º Trofeo Conde de Gondomar.

O Monte Real Club de Yates presentou esta mañá en Baiona unha nova edición dunha das regatas máis lonxevas do panorama náutico español, o Trofeo Conde de Gondomar, que neste 2017 cumpre o seu cuadraxésimo segunda edición. Da man de Banco Sabadell como principal patrocinador, o histórico club baionés volve organizar, un ano máis, unha competición que vén celebrando de forma ininterrompida desde 1976.

O 42º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell disputarase entre o 22 e 25 de xullo en diferentes puntos das rías galegas, nun campo de regatas moi amplo entre Baiona e a Costa da Morte, no que se dará saída a varias regatas de travesía e varias probas barlovento-sotavento. Serán catro xornadas de navegación que reunirán na auga a veleiros das clases ORC, J80 e Fígaro, con algunhas das tripulacións máis destacadas da tempada. Entre elas estará o Aceites Abril, gañador da anterior edición do trofeo e actual campión de España de Altura da Zona Galicia.

Como vén sendo tradición, a competición iniciarase o sábado 22 cunha das probas máis complicadas e emocionantes, a subida ao Carrumeiro Chico, na ría de Corcubión, que ademais de puntuar para a clasificación xeral do trofeo, revelará o nome do novo campión de España de Altura da Zona Galicia. É unha proba longa, de case 100 millas de percorrido de ida e volta, reservada en exclusiva para os barcos máis grandes, das clases ORC 0, 1, 2 e 3. A saída darase ás once da mañá desde a baía de Baiona e a chegada dos primeiros barcos non se producirá ata ben entrada a noite. Bastante antes está previsto que finalice a competición dos ORC 4 e os monotipos J80 e Fígaros, que non subirán ata o Carrumeiro, senón que virarán moito antes, no faro de Camouco, fronte á illa de Ons.

Na segunda xornada de regatas, prevista para o luns 24 de xullo, toda a frota participante compartirá o mesmo percorrido. Circunnavegará os arquipélagos das illas Cíes e Ons, nun dos trazados de maior beleza paisaxística das Rías Baixas. O bocinazo de saída escoitarase ás doce, e pola tarde, unha vez finalizada a proba, as tripulacións poderán gozar dunha velada no Monte Real Club de Yates, con degustación de gintonics de Martin Miller e Royal Bliss de Coca Cola e unha cea mariñeira.

O 25 de xullo, Día de Galicia, será unha xornada decisiva para acabar de definir os podios do 42º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell, xa que as últimas probas, moito máis técnicas, adoitan orixinar cambios nas clasificacións previas. A partir do mediodía, dous percorridos barlovento-sotavento marcarán o inicio do final dunha competición que laureará aos seus gañadores pola tarde, nunha entrega de premios que se celebrará no Monte Real Club de Yates a partir das seis.

Chegará así ao seu fin unha competición creada fai máis de catro décadas co obxectivo de reunir á vela pesada do Atlántico nunha regata de alto nivel. Unha cita imprescindible coa vela que, segundo o vicepresidente do Monte Real, Alejandro Retolaza, “foise consolidando co paso dos anos, mantendo a mesma esencia e practicamente o mesmo deseño co que naceu”.

Foi o que asegurou o vicepresidente do club baionés na rolda de prensa celebrada esta mañá en Baiona, na que tamén interveu, en representación dos patrocinadores do evento, Ramón Correa, director de Banca Empresa de Sabadell Galego. “Para Banco Sabadell -dixo Correa- é moi importante estar presente na vida dos galegos a través de colaboracións que axuden a facer máis visibles iniciativas tan importantes e asentadas no calendario deportivo como o Trofeo Conde de Gondomar”.

Ademais da súa importancia deportiva, a competición ten un destacado papel turístico, ao potenciar a difusión as Rías Baixas nos medios de comunicación. Así o sinalou o Deputado Delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, ao falar da implicación da Deputación de Pontevedra no Conde de Gondomar. “É un firme compromiso da Deputación apoiar eventos singulares como este -dixo- pola divulgación que fan dunha zona turística tan importante para nós como son as Rías Baixas”.

Á presentación oficial da competición tamén asistiron o Director Xerente de PSA Retail Vigo, Daniel Martín; o Concelleiro de Actividades Marítimas de Baiona, Raúl Costas; a Concelleira de Deportes de Baiona, María Jesús Martíns; e o Presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

PROGRAMA DO 42º CONDE DE GONDOMAR • TROFEO BANCO SABADELL
Monte Real Club de Yates • Baiona, 22, 23, 24 e 25 de xullo de 2017

SÁBADO 22 DE XULLO
11:00 • REGATA BAIONA – CARRUMEIRO – BAIONA (ORCs)
11:00 • REGATA BAIONA – CAMOUCO – BAIONA (ORC 4, J80s e Fígaros)
20:00 • DEGUSTACIÓN GINTONICS con Martin Miller & Royal Bliss

DOMINGO 23 DE XULLO
De madrugada • CHEGADA DOS BARCOS QUE SUBIRON AO CARRUMEIRO
Campionato de España de Altura PSA Retail Zona Galicia

LUNS 24 DE XULLO
12:00 • REGATA CIRCUNNAVEGACIÓN CÍES – ONS (ORCs, J80s e Fígaros)
20:00 • DEGUSTACIÓN GINTONICS con Martin Miller & Royal Bliss
21:00 • CEA MARIÑEIRA no Monte Real Club de Yates

MARTES 25 DE XULLO
12:00 • REGATA PROBAS BARLOVENTO – SOTAVENTO (ORCs, J80s e Fígaros)
18:00 • ENTREGA DE PREMIOS no Monte Real Club de Yates