
Xornada agridoce para o Club Ciclista Rías Baixas. A entidade presidida por José Luis Chamorro alcanzou o liderado da Volta a León por medio de Willem Jakobus, pero esta alegría viuse embazada polo abandono de Jesús Nanclares. O berciano, que afrontaba un dos grandes obxectivos da súa tempada, tivo que deixar a carreira despois de sufrir unha aparatosa caída contra un coche aparcado.
O accidente de Nanclares, que en principio non lle provocou ningunha lesión importante, foi o lunar dun espectacular arranque da rolda leonesa por parte do conxunto miñorano. Na contrarreloxo nocturna inicial impúxose na clasificación por equipos grazas ao segundo posto de Willem, ao undécimo de Nanclares e ao décimo cuarto de Manuel Jiménez.
As boas sensacións no aperitivo desta volta quedaron ratificadas nos montañosos 134,5 quilómetros de percorrido entre Boca de Huégano e Soto de Sajambre. Esta primeira etapa en liña presentaba seis ascensións puntuables e Marcos Serrano non esperou a mover as súas pezas.
Jiménez participou na escapada que comandou a proba no primeiras catro subidas puntuables. Esta fuga gozou dunha vantaxe próxima aos dous minutos, pero foi neutralizada nas primeiras ramplas do alto de Pandetrave. Ese porto de 1ª categoría coroouno na cabeza Willem con 17 segundos de marxe respecto dunha ducia de corredores.
O surafricano do Club Ciclista Rías Baixas foi alcanzado por sete perseguidores e este grupo xogouse a vitoria na subida final de 2ª categoría. Gañou o francés Maurelet Flavien (GSC), co mesmo tempo que López Cozar (Euskadi) e Méndez (Diputación de León). A 2″ entrou Willem en cuarto posición, mentres que o portador da camisola amarela Francisco García Rus (Gsport) cedeu 1:30.
Desta maneira, o xefe de filas da formación miñorana sitúase líder da xeral con 6″ de vantaxe respecto de Méndez e Cozar. Willem tamén encabeza a regularidade e a combinada. Este xoves dispútase a terceira das cinco etapas desta volta. Serán 137,2 quilómetros entre Hospital de Órbigo e Santa Colomba de Somoza. O vento podería ser un factor crave na resolución desta xornada.