Anuncios
Ticker de novas

O Open de Galicia XCO 2017 despediuse en Gondomar con triunfos de Manuel Parada e Lucía Vázquez

FOTO: FEDERACIÓN GALEGA DE CICLISMO

Despois de case catro meses de intenso calendario con trece carreiras puntuables, o Open de Galicia – Anova de Cross Country Olímpico (XCO) viviu a súa última xornada en Gondomar. Os elites Manuel Parada (Barbanzabike) e Lucía Vázquez (ProRebordosa) encabezaron o cadro de gañadores. Esta cita tamén serviu de test para os bikers galegos antes de que o venres arranquen en Cofrentes (Valencia) os Campionatos de España.

O Club Ciclista Bici Verde organizou este evento no que conmemorou a súa década de BTT en Gondomar. O circuíto deseñado nas inmediacións do Local Social da Comunidade de Montes de San Bieito confirmouse como un dos máis esixentes do Open. Na liña de saída concentráronse 90 bikers para disputar, baixo unha calor soportable, a única proba do certame autonómico celebrada en domingo.

Na competición raíña masculina Manuel Parada chegaba co título elite certificado e buscou dende o inicio poñerlle o broche de ouro co seu oitavo triunfo parcial. “É un dos meus circuítos preferidos porque ten unha longa e dura subida. Nese terreo estou moi a gusto e a baixada é moi divertida”, comentou o do Barbanzabike, que nas dúas primeiras voltas atopou a resistencia do tamén elite Adrian Valverde (Club Ciclista Rías Baixas).

O pulso comezou a decantarse con claridade a prol do líder a partir do segundo paso por meta. Parada indicou que “ao inicio notei algo de fatiga por ter participado o día anterior no Campionato de Galicia de Eliminator. Decidín gardar algo despois de non ser quen de marcharme na saída e a metade de carreira volvín tirar a tope”. Na meta presentouse cun rexistro de 1:20:15, avantaxando a Valverde en 2:12 e a Alberto Pedreira, elite do Bici Verde, en 4:02. O primeiro sub23 foi Roman Saa (Academia Postal – Actyon – MMR).

Outro triunfo incontestable acadouno Lucía Vázquez nas mulleres elite e sub23. A vilaboense distanciouse das súas rivais na primeira volta nun trazado que definiu “como dos mellores de Galicia”. Aínda que gañou con seis minutos de marxe respecto á sub23 Irene Trabazo (Marín – Ottoman), a biker do ProRebordosa sinalou que “o esforzo foi agónico polo cansazo e a calor”. A terceira praza correspondeulle a Nuria Senra (Eskornabois), que xa hai varias xornadas se garantira o primeiro posto no Open.

No resto de carreiras impuxéronse con solvencia Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) nas cadetes, Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) nos juniors, Isabel Castro (Condadobike) nas masters femininas e Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40. A emoción centrouse en dúas probas masters. Nos 30, Marcos Mayo (O Treito) superou ao sprint a Daniel Rodríguez (Máster da Louriña) e a Luis Fernández Oliveira (Avanza), mentres que nos 50-60 Manuel Gómez (Bici Verde) mandou na primeira volta antes de que o adiantara o vencedor José Ramón Castelo (Castro Barbudo). No posterior duelo polo segundo posto, Óscar Lorenzo bateu na recta final ao seu compañeiro de equipo Gómez.

Nas dúas categorías nas que os rankings non estaban resoltos, non houbo vitorias dos líderes pero os resultados servíronlles para lograr os títulos. A Alba Arias (Arteixo – MB3) bastoulle a terceira posición na carreira júnior dominada por Sara Vila (Del Mar de Mugardos). Pola súa banda, Xoel Montes (Avanza) anotouse o triunfo nos cadetes resistindo a remonta de Iván Cadaveira (Caimanes). O undécimo posto de Roi López (Compostelano) outorgoulle a primeira praza na xeral.

Dez campións finais

A nómina de gañadores finais do Open de Galicia – Anova XCO completárona Manuel Parada e Nuria Senra en elites, Raúl Carracedo (Academia Postal – Actyon – MMR) nos sub23, Adrián Barros (Coruxo) nos juniors, Noela Saa nas cadetes, Iván Pereira (Barbanzabike) nos masters-30, Alejandro Trasbach nos masters-40 e José Ramón Castelo nos masters-50/60. Os tres primeiros clasificados de cada categoría subiron ao podio para recoller os seus diplomas. O Academia Postal – Actyon – MMR adxudicouse o título por equipos do Open de Galicia 2017.

Nesta cerimonia de clausura participaron o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro; a concelleira de Infraestructuras, Iria Lamas; o presidente da Comunidade de Montes de San Bieito, Ramón Martínez; o tesoureiro da Federación Galega de Ciclismo, Ramón Troncoso; e o presidente do Bici Verde, Esteban Lorenzo. O acto rematou coa entrega de de obsequios conmemorativos en agradecemento por parte do clube Bici Verde ao coordinador de Deportes, Xose Antón Fernández, e ás autoridades corporativas para celebrar os 10 anos de BTT en Gondomar.

CLASIFICACIÓN X TOFEO BTT CONCELLO DE GONDOMAR

Anuncios