Anuncios
Ticker de novas

Nigrán abre o prazo para solicitar axudas á compra de libros de texto e material escolar

TFGP.

O Concello de Nigrán abre o prazo ata o día 3 de agosto para solicitar axudas á adquisición de libros de texto ou material escolar no curso 2017/18 (publicado no BOP número 133 do 12 de xullo). Coma en anos anteriores, a contía máxima é de 65 euros por cada neno e mantense o requisito indispensable de que os beneficiarios sexan unidades familiares empadroadas no municipio e con fillos matriculados en centros públicos de Nigrán en Educación Infantil no curso 2017-2018. Como principal novidade, e co obxectivo de chegar ao maior número de familias, increméntanse os ingresos mínimos para poder acceder ás axudas, puntúa o feito de ter discapacidade ou ser familia numerosa, regúlanse os casos de parellas separadas ou divorciadas e a axuda comprende tamén o gasto en material escolar (anteriormente eran só libros).

“Cando chegamos ao goberno incrementamos nun 100% a partida orzamentaria destinada a este fin (de 2.500 a 5.000 euros) agora melloramos as bases para chegar a máis xente, xa que nos anos anteriores non se esgotou a partida. Ademais, como a estas idades moitos nenos non empregan libros, incluímos a posibilidade de que o gasto sexa para material escolar”, indica o alcalde, Juan González.

Así, para poder optar á axuda é imprescindible que os ingresos da unidade familiar se adapten a un novo baremo no que os ingresos máximos aumentan unha media dun 15% co obxectivo de chegar a máis veciños. Se o ano pasado os ingresos medios dunha familia de dous membros non podía superar os 15.745 euros/ano, agora pasaría a 17.040,32 € e así sucesivamente. Coma o ano anterior, poderá descontarse ata 300 euros mensuais en concepto de alugueiro ou hipoteca.

Outra das novidades destas bases é que se regula o caso de separación ou divorcio, así, no caso de custodia compartida acreditada as rendas de ambos proxenitores se incluirán no cómputo global da renda familiar. Por outra banda, computarán por dous cada un dos membros da unidade familiar que teñan unha incapacidade igual ou superior ao 33%, que acrediten unha pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez. Finalmente, a última novidade é que no caso de familias numerosas computaráselle un membro a maiores dos existentes na unidade familiar.

Anuncios