
Co innovador horario para unha proba ciclista das 22:00 horas, este martes ponse en marcha a Volta a León cunha contrarreloxo individual en La Bañeza. O Club Ciclista Rías Baixas chega a esta cita coa moral reforzada tras a vitoria lograda por Willem Jakobus o pasado sábado na crono final da Volta a Zamora. O surafricano e Jesús Nanclares exercerán de líderes da entidade presidida por José Luis Chamorro na montañosa rolda leonesa.
Os 3,8 quilómetros do prólogo inicial serán a única oportunidade en toda a volta para os rodadores. No seguintes catro xornadas ascenderanse catorce portos puntuables. A etapa reina vivirase o venres con saída en Vega de Espinadera e chegada no alto de Ancares, de categoría especial.
Nun terreo que se adapta ás súas características e coa motivación extra de correr en casa, Nanclares afronta un dos grandes retos da tempada. O escalador berciano terá ao seu lado a Willem Jakobus, a gran sensación do campo amateur. O surafricano suma catro triunfos, entre eles a xeral da Volta a Segovia, desde que se incorporou hai mes e medio á estrutura miñorana.
Raúl González, Jon Ander Tomei, Jaime Guzmán e Mornay Van Heerden integran a aliñación de Marcos Serrano, que completa Manuel Jiménez. O corredor pacense reforza ao Club Ciclista Rías Baixas en calidade de cedido polo Controlpack para esta rolda.
Rolda de prensa en Gándara Moure
Antes de desprazarse ata León, o proxecto miñorano desvelará na mañá deste martes en Vigo un importante paso que deu no seu camiño para converterse en equipo profesional. O seu presidente José Luis Chamorro ofrecerá unha rolda de prensa nas sede do Bufete Gándara Moure, onde comparecerá acompañado polos responsables deste prestixioso despacho.