O IEM recibe aos nenos saharauís que pasan o verán no Val Miñor e Baixo Miño

O Instituto de Estudos Miñoráns convidou aos nenos e nenas saharauís do programa Vacacións en Paz que pasan o verán no Val Miñor e Baixo Miño e ás familias acolledoras a un encontro no seu local situado na Avda. da Feira en Gondomar.

Celebrouse o acto de recepción a familias e nenos do Sáhara co obxectivo de participar nun encontro con nenos e nenas galegos, un intercambio no que se encontren as culturas de convivencia no Val Miñor. Un intercambio de narracións, lendas, contos, vivencias… e tamén de xogos tanto galegos como saharauís.

Nun prazo conveniente farase a recompilación destas vivencias culturais e tradicionais e logo faranse unhas xornadas de convivencia coa lectura das historias e cos xogos entre nenas e nenos de ambos pobos, previstas para mediados do mes de agosto.

Os nenos saharauís que conviven no Val Miñor e Baixo Miño no marco do programa Vacacións en Paz son oito en Nigrán, cinco en Gondomar, un en Tomiño, dous en Tui e un na Guarda.