Finalizan as obras da Biblioteca de Baiona para abrir ao público o vindeiro outono

O Concello de Baiona poderá abrir este mesmo ano a súa nova Biblioteca Pública Municipal, co maior Arquivo Histórico da comarca e un dos máis importantes de Galicia, grazas a finalización dos traballos de rehabilitación do edificio Sancti Spiritus.

A empresa UTE Orega Coviastec finalizou as obras de rehabilitación, deseñadas polo estudo de arquitectura Murado y Elvira, gañador do concurso de ideas convocado polo Concello de Baiona para a reforma do edificio Hospital Sancti Spiritus, da Magdalena e da Caridade. O edificio, que combina vangardismo e funcionalidade, foi rehabilitado totalmente cun deseño innovador.

O alcalde, Ángel Rodal; a concelleira de Infraestruturas, Ana Simóns; e o concelleiro de Vías e Obras, José Ángel Bahamonde, visitaron este venres as instalacións e comezaron a planificar o traslado dende as dependencias provisionais da rúa Carabela Pinta. “Estamos ante unha obra espectacular, tanto polo seu deseño como polas súas dimensións e comodidade, poucos concellos de Galicia poden presumir de ter unha dotación cultural de tanta calidade e funcionalidade”, asegurou Ángel Rodal.

Nas vindeiras semanas se levará a cabo a adquisición do mobiliario e está previsto que durante o verán se efectúe o traslado para que a Biblioteca Municipal poida abrir as súas portas en outono.

A rehabilitación do Hospital Sancti Spiritus levouse a cabo cun investimento superior aos 1,1 millóns achegados polo Ministerio de Fomento, grazas ao plan denominado 1,5% Cultural.

Arquivo Histórico

Nas novas dependencias tamén se instalará o Arquivo Histórico de Baiona que permitirá conservar toda a documentación existente dende hai séculos, un patrimonio reforzado co Fondo Local, unha colección de 220 rexistros que ven a completar esta sección como punto de referencia en estudos locais. Engádeselle outros fondos especiais cos que conta a Biblioteca, como o Fondo Arribada, creado no 2012 para catalizar os estudos vinculados con Baiona e o Descubrimento. As novas instalacións darán un mellor condicionamento para custodiar a sección do patrimonio bibliográfico que tamén foi creado no 2012 con dúas coleccións, Biblioteca Ángel Bedriñana e a colección das publicacións históricas coas que conta o fondo total da biblioteca.

Biblioteca Municipal

Mentres durou a rehabilitación, a Biblioteca continuou a súa actividade cun servizo provisional organizado polo propio persoal responsable da biblioteca. Durante este tempo a biblioteca mantivo unha notable actividade. En total, durante o ano pasado a Biblioteca Municipal fixo 8.329 préstamos, tivo 115 novos usuarios, 30.419 visitas, 9.165 conexións a wifi e 934 incorporacións ao catálogo.

Hospital Sancti Spiritus

A historia do Hospital de Sancti Spiritus remóntase ao século XV e primeira referencia indica que non estaba no mesmo lugar no que se atopa na actualidade, xa que viuse afectado polo derribo no século XVII dos inmobles inmediatos á muralla. “O Hospital estivo en este lugar ata 1645 que foi mandado derribar para asegurar a defensa da fortaleza. Tras este primeiro derribo prodúcese un primeiro traslado ao lugar de Cortinas, ao fondo do Convento das Dominicas, solución que non resultou efectiva, xa que en 1653, o edificio ameazaba ruína”, apunta a directora. O Hospital se encontra nunha situación de desamparo dos pobres e enfermos que eran atendidos nesta institución. Ante esta situación adquírese a Doña Grimaresa Pereira de Castro unha casa con finca noutro lugar, que sería o seu actual emprazamento na rúa Costanilla, hoxe Manuel Valverde.

O maiordomo do hospital solicita o 7 de agosto de 1671, autorización ao bispo Bernardo de León de la Rocha para que dicha casa sexa destinada a Hospital. “Este edificio será realizado polo Maestro Domingo Fernández, que faría a parede do frontispicio e a entrada principal. Debeu de ser en este momento cando o traslado do Hospital nas inmediacións da Colexiata, o antigo hospital uniuse ao da Magdalena, e só un ano despois era cedido polos pais de San Juan de Dios, que cedera o seu goberno ao Concello da Vila para que o administrase”, explica Cristina Vilar en base ás referencias de estudosos como Ávila y La Cueva, Ulpiano Nogueira, Ramos, Garrido o la profesora Fernández Rodríguez.