140 inscritos para participar no VI Tríatlon Semi Indoor de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Este domingo día 16 de xullo ás 09.00 horas terá lugar no porto pesqueiro de Baiona o VI Tríatlon Popular, organizado pola Concellería de Deportes e Actividades Marítimas e pola Piscina Mancomunada do Val Miñor, incluído dentro da programación deportiva deste verán 2017.

A proba consta de tres partes: a primeira, percorrido a nado de 0.5 km, a segunda parte, percorrido en bicicleta estática pedaleando 10 km e a terceira parte, correndo dende o porto pesqueiro ata a gasolineira polo paseo marítimo dando dúas voltas, cunha distancia de 4 km aproximadamente. A idea é concentrar todo o evento deportivo dende un único punto, o porto pesqueiro de Baiona, para facer moito máis vistoso e fácil de seguir por parte dos participantes e curiosos.

Estará dividido en tres categorías mixtas, sub-17 (2000, 2001, 2002 e 2003), adultos (1999 ata 1976) e vetarnos (1976 en diante).

O número de participantes aumentou un ano máis chegando en total á cifra de 140 inscritos, repartidos da seguinte maneira: Sub 17 – 9, Sénior – 86 e Veteranos – 45. Serán 24 mulleres e 116 homes.

Haberá agasallos para todos os participantes, sorteos, así como trofeos para os tres primeiros clasificados en todas las categorías, gañadores absolutos e para os censados en Baiona.