Anuncios
Ticker de novas

A Deputación asina un convenio con Ódega para fomentar a produción de castaña na provincia

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou un convenio de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega para o fomento da produción de castaña na provincia de Pontevedra. En total, a institución provincial vai achegar 30.000 € a través dos cales se porá en marcha un proxecto piloto e un programa formativo a través do cal se darán a coñecer as posibilidades da produción, cultivo e comercialización da castaña en terreos agroforestais da provincia de Pontevedra durante o último semestre do 2017.

Carmela Silva manifestou a súa satisfacción pola sinatura deste convenio “porque o futuro da nosa provincia pasa polos novos sectores produtivos, polas tecnoloxías, por novos sistemas de produción pero, desde logo, tamén pola aposta polo sector primario, polo sector agrogandeiro e pesqueiro”. Amais, segundo informou Silva, “este proxecto permite realmente que a poboación poida seguir establecéndose no rural, con actuacións que permitan impulsar o crecemento económico”.

En segundo lugar, tal e como destacou a Presidenta da Deputación, o convenio “dá reposta á obriga que temos como cidadanía no século XXI de respectar o entorno medioambiental”. Máis polo miúdo Silva asegurou que “nesta provincia temos moita masa forestal cuberta de eucaliptos e cómpre buscar alternativas que permitan manter o rural con especies forestais propias da nosa terra, coma o castiñeiro, que evitan, entre outras cuestións, problemáticas como os incendios forestais”.

A Presidenta da Deputación quixo poñer en valor “este froito seco milenario”, achegando datos económicos. Así, Silva destacou que “a castaña move entre 25 e 40 millóns de euros en Galicia ao ano e supón unha recolección anual dos 20 millóns de quilos de castaña que converten a Galicia en líder nacional”. Tamén afirmou a Presidenta Provincial que “unhas 10.000 persoas galegas venden castaña e o 90% da produción vai destinada a mercados exteriores”.

Pola súa banda, o secretario xeral da Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega, Miguel Soto Albores, subliñou que este convenio pretende abrir vías de investigación para valorizar máis un produto que ten unha grande importancia en Galicia. Así, Soto destacou que se vai traballar nunha comunidade de montes nunha experiencia piloto nunha parcela coa finalidade de poder extrapolala a toda a provincia. A través desta experiencia piloto, segundo o secretario de Ódega, preténdese poñer en valor que “os castiñeiros con coidados axeitados, achegan altos rendementos, sobre todo en zonas desfavorecidas e de montaña”.

Xunto a esta experiencia piloto, a través do convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega vanse realizar unha serie de accións de formación dirixidas a propietarios forestais, comunidades de montes veciñais en man común e cooperativas agrarias da provincia sobre as posibilidades de produción, cultivo e comercialización da castaña como alternativa de aproveitamento en terreos agroforestais. Esta formación incluirá aspectos como o uso de planta resistente á enfermidade da tinta do castiñeiro, poda e manexo das plantacións de castiñeiro, produción ecolóxica e aspectos legais das plantacións; nocións sobre plantacións de castiñeiro orientadas a froito, a madeira e mixtas, así como nocións sobre enxertos, portaenxertos, variedades autóctonas de castaña e produtores híbridos; manexo fitosanitario das plantacións de castiñeiro de froito: identificación de patoloxías, medidas culturais e preventivas e de loita química e biolóxica; comercialización e modelos cooperativos e de agrupación de propietarios para a produción e venda agrupada de castaña de calidade; e visitas formativas e demostrativas a plantacións de interese en produción e a industrias transformadoras de castaña.

O convenio tamén contempla o desenvolvemento de xornadas divulgativas e mesas redondas sobre o cultivo do castiñeiro e a produción de castaña, que incorporarán ponencias e a presenza de expertos e profesionais relevantes do sector da castaña.

Anuncios