Anuncios
Ticker de novas

Nigrán e Gondomar celebran San Cristovo coa tradicional bendición de coches

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Bendición de coches en Gondomar.

Este luns celebrouse en Nigrán e Gondomar a festividade de San Cristovo, patrón dos condutores.

En Nigrán, os taxistas e transportistas foron os encargados de organizar os actos, que comezaron ás 12:00 da mañá cunha misa na Igrexa Parroquial de San Fiz. Unha hora despois comezou a procesión co santo, acompañado de ducias de camións e turismos no seu percorrido polo municipio. A caravana automobilística finalizou preto das 14:00 horas no cruceiro do Ceán, onde se realizou a tradicional bendición de coches.

En Gondomar o programa comezou ás 10:00 da mañá co pasarrúas a cargo da Charanga Vai de Baile. Ás 12:00 horas saíu a caravana automobilística desde Vincios, e ás 12:30 horas celebrouse a Misa Solemne. Ao finalizar comezou a procesión na honra de San Cristovo acompañada pola devandita charanga ata o cruzamento das rúas Eduardo Iglesias e Elduayen, onde se fixo a popular bendición de coches.

Por segundo ano, o Concello de Gondomar, a través da Concellería de Turismo e Comercio, organizou un concurso de decoración de vehículos, no que se valorou a orixinalidade, o uso de adornos (naturais ou artificiais), a combinación de cores e a harmonía. Todos estes factores foron avaliados por un xurado composto por profesionais da decoración e comerciantes de Gondomar.

Os vehículos participantes dividíronse en catro categorías: máis de 3500 quilos, menos de 3500 quilos, turismos e motos. Os premiados/as recibirán desde vales de alimentación ata cambios de aceite, achegados por un grupo de comerciantes do Concello de Gondomar.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios