Anuncios
Ticker de novas

Nigrán retomará as obras de abastecemento a Parada tras obter o permiso de Patrimonio

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Obras de abastecemento na parroquia de Parada.

O Concello de Nigrán retomará nos vindeiros días as obras de abastecemento á parroquia de Parada tras obter ao fin os correspondentes permisos da Direción Xeral de Patrimonio para construír o depósito no monte Eiró. A empresa adxudicataria Covsa viuse en abril na necesidade de suspender os traballos ante a demora das citadas autorizacións e tendo en conta que comezaran en decembro cun prazo de execución de 6 meses.

Seguindo a propia resolución de Patrimonio, que sinala a necesidade de realizar un control arqueolóxico dos movementos de terra no ámbito próximo aos petróglifos e sondaxes mecánicas na zona onde se vai a construír o depósito, o Concello de Nigrán xa contratou para tal fin a empresa “Estela, arqueoloxía e Patrimonio” por preto de 2.000 euros.

“Para o goberno de Nigrán é unha obra urxente e prioritaria, así que en calquera caso os prazos non se van ver afectados e os veciños terán auga antes de que remate o ano”, asegura o alcalde, Juan González.

O goberno local considera primordial levar o abastecemento de auga a Parada canto antes, por iso hai un ano acordou en Pleno asumir o custo das obras con cargo ao remanente de Tesourería tras ter revocado a Xunta unilateralmente o convenio (en contra de toda a corporación). O obxectivo é levar a auga a Parada polo barrio de A Carrasca para dar servizo aos barrios de Carrasca, Laxe, Tinde ou Igrexa. Esta ampliación da rede de abastecemento beneficiará a preto de mil veciños residentes na contorna (na parroquia actualmente se fornecen mediante pozos ou traídas comunais).

A obra consiste en ampliar a rede de abastecemento mediante a instalación dunha nova condución que conecta a rede existente no parque empresarial Porto do Molle, a través dun bombeo, cun novo depósito de regulación de 500 m3 (situado no monte Eiró) e dende onde se dará servizo ás vivendas da zona. Actualmente xa está instalada a tubaxe de impulsión e de distribución, agás na ponte sobre a autoestrada e na zona próxima a Eiró debido precisamente a esta afección de Patrimonio. Por outra banda, executouse a práctica totalidade da obra civil do depósito de bombeo e realizouse a reposición de pavimento. Agora comezarán os traballos na zona do monte Eiró que quedaran en suspensión.

Por outro lado, o Concello de Nigrán está pendente agora dos pertinentes informes de Patrimonio para iniciar as obras que levarán o abastecemento aos barrios de Nandín, Igrexa, A Rúa, Con e A Reboreda e que beneficiarán tamén á parroquia de Camos (barrios de O Castelo, A Lama e O Rial) e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332 (rúa dos Pazos). En total, máis de mil veciños se beneficiarán desta actuación que conta cun orzamento de 374.809,48 euros e que será financiada integramente pola empresa concesionaria Aqualia froito dun acordo co Concello. As obras previstas inclúen a súa posta en marcha xunto á instalación dunha nova canalización, un bombeo e un depósito.

“Con estas dúas obras, a totalidade da parroquia de Parada e parte da de Camos quedarían en disposición de poder ter aceso a abastecemento”, resume o rexedor.

Anuncios