Anuncios
Ticker de novas

Hugo Ribeiro e Juan Carlos Mesquita gañan a VII edición da travesía a nado Costa Serena

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Hugo Ribeiro cruzando a liña de meta na proba de 4.000 metros.

O nadador portugués Hugo Ribeiro, cun tempo de 45:20, impúxose na VII edición da travesía a nado Costa Serena, que se celebrou hoxe en Praia América (Nigrán). Hugo Ribeiro chegou a meta con tan só un segundo de diferenza por diante do venezolano Luis Miguel Velásquez (45:21), e o vigués Antonio Serrat (46:11). En cuarta posición chegou Marcos Vila Cid, gañador da pasada edición cun tempo de 46.42. Na categoría feminina, a vencedora no percorrido de 4.000 metros foi a nadadora Cristina García Marín cun tempo de 55:15. En segunda posición chegou Mónica Incera Filgueira (01:00:30), completando o podio Sofía Suárez García, cun tempo de 01:01:43.

O percorrido de 4.000 metros, no que participaron máis de 300 nadadores, consistiu nun triángulo de 4 quilómetros con saída e chegada na canle central de embarcacións. Os nadadores bordearon a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,3 quilómetros de distancia, regresaron cara á costa polo lado sur da praia e percorreron o último quilómetro en paralelo ao areal.

No percorrido de 800 metros impúxose Juan Carlos Mesquita Lobato, cun tempo de 00:09:06 na categoría masculina, seguido de Gustavo Francisco Ribeiro (00:09:28) e Jorge Rodríguez García (00:11:17). Na categoría feminina, gañou Irene Serrat Seoane (00:11:53) superando á triatleta Camila Alonso (00:11:53) e Azucena García González (00:12:34). Esta proba disputouse en paralelo á costa e contou con preto de 100 participantes. A saída arrancou desde a canle principal de entrada e saída das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón.

JUAN CARLOS MESQUITA GAÑA A PROBA DE 800 METROS DA VII TRAVESÍA A NADO COSTA SERENA

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Juan Carlos Mesquita cruzando a liña de meta na proba de 800 metros.

Preto de 500 nadadores de 9 Comunidades autónomas (Galicia, Asturias, Castela-León, Castela-A Mancha, Navarra, País Vasco, Madrid, Cataluña e Canarias) e unha importante representación procedente de Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e os 69 anos, participaron na travesía a nado, que congregou a miles de persoas neste areal durante toda a mañá. En total, disputáronse dous percorridos de 4.000 e 800 metros e dúas probas para nenos de 50 e 150 metros, cunha participación de preto de 50 menores.

A travesía, organizada polo club Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para O Deporte, Powerade, Renault Rodosa Nigrán, Zoggs, Centro Comercial da Ramallosa, Arena, Decathlon Vigo, Froitas Sol, Froiz, Marina Estelas Panxón, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Waira, Kailúa, Beach Escolas, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo, Nutriexper, Restaurante Los Abetos, Footplus e Rosquillas Cristaleiro.

SAÍDA PROBA DE 4.000 METROS VII TRAVESÍA A NADO COSTA SERENA

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Saída da proba de 4.000 metros.

50 premios

En total entregáronse 50 premios. Na proba de 800 metros, outorgáronse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na de 4.000 metros, concedéronse premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Ademais repartíronse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías na proba de 4.000 metros. Os nenos que participaron nos percorridos de 50 e 150 metros recibiron unha medalla. Tamén se entregaron trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade. Ao acto de entrega dos premios asistiron o alcalde de Nigrán, Juan González; o concelleiro de Deportes de Nigrán, Luis Sanromán, e o xefe de vendas de Adegas Valmiñor, Sergio Camacho.

Colaboración coa Asociación Síndrome Williams de Galicia

Este ano, a organización contou coa Asociación Síndrome Williams de Galicia coa participación dunha vintena de membros deste colectivo, entre familiares e nenos afectados por esta enfermidade de orixe xenética, que nadaron na proba de 50 metros. Esta doenza afecta a unha de cada 10.000 persoas e na Comunidade galega hai preto de 250 casos diagnosticados. Tamén participaron na entrega dos trofeos aos gañadores.

RESULTADOS DA VII TRAVESÍA A NADO COSTA SERENA

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios