Anuncios
Ticker de novas

A patroa maior da Guarda, primeira muller en realizar a ofrenda do mar en Panxón

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Silvia Crespo durante a súa intervención.

A patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda, Silvia Crespo, foi a encargada de presentar, este sábado no Templo Votivo de Panxón (Nigrán), a tradicional ofrenda do mar á Virxe do Carme, unha cerimonia que se celebra cada ano desde 1939, organizada de forma rotatoria polas mariñas mercante, de pesca, deportiva e pola Armada.

No seu discurso, en representación da mariña de pesca, a patroa do depósito guardés lembrou que “homes e mulleres de aceiro fundido saen a traballar en xornadas duras e extremas, buscando no mar o sustento para as súas familias”. Tamén tivo palabras para as familias, compañeiros e amigos “que sofren por perdas dos nosos seres queridos que naufragaron e non regresaron”.

Silvia Crespo fixo mención tamén aos mariños mercantes, “que están dispersos por todos os mares, transportando pasaxeiros e mercadorías entre os portos marítimos do mundo, expoñéndose a grandes perigos físicos e espirituais”. Así mesmo destacou o labor da Armada Española, “que en misións de paz expoñen a súa vida lonxe da patria, protexen as reservas biolóxicas e garanten que as demais mariñas poidan desenvolver as súas actividades”. E finalmente, acordouse da mariña deportiva, “para que os que a practican gocen da mar, respectando e valorando o duro traballo dos que a teñen como medio de vida”.

Antes da intervención do Bispo da Diocese de Tuy-Vigo e Bispo promotor do Apostolado do Mar, Luis Quinteiro Fiuza, encargado de dar a réplica a Crespo, a patroa maior da Guarda pediu á Virxe do Carme que as familias de todos os que perderon a vida no mar “reciban consolo e fortaleza”.

A septuaxésimo oitava edición da ofrenda do mar no Templo Votivo de Panxón acabou, como vén sendo tradición, coa bendición ao mar e o canto da Salve Mariñeira.

Tamén asistiron, entre outras autoridades, o Comandante de Mariña de Vigo, Gonzalo Díaz, xunto co Comandante 2º, Manuel Estrada, o Comandante da Escola Naval Militar de Marín, Jesús Mariño, os Comandantes na Reserva Fernando Cominges e Carlos Sande, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, os alcaldes de Nigrán e Baiona, Juan González e Ángel Rodal, o presidente do Monte Real Club de Yates de Baiona, José Luis Álvarez, e a patroa maior da Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona, Susana González.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios