Vive Nigrán pecha un cartel de luxo na súa primeira edición

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

A programación musical da primeira edición de Vive Nigrán contará con catorce propostas do panorama nacional independente e catro dj’s. O concibido como un “Picnic-pop festival” terá lugar o 26 e 27 de agosto no antigo campo de fútbol de Lourido, no entorno idílico de Praia América. O peche de cartel engade cinco novas formacións ás xa anunciadas, quedando a programación por días do seguinte xeito:

Sábado 26: Marem Ladson, New Day, Picnic Pop DJ, Bflecha, Basanta, Joe Crepúsculo, Viva Suecia, Las Bistecs.

Domingo 27: Duques de Monterrey, Tachenko, Picnic Pop DJ, Isaac Pedrouzo, Edu Romero DJ, Espiño, Os amigos dos músicos, Morgan, Da Chick.

AS NOVAS INCORPORACIÓNS

Na busca da melodía perfecta incorpórase a coñecida formación de indie pop Tachenko. Poderemos desfrutar da calidade das súas letras pegadizas e moitos dos seus grandes éxitos como Escapatoria, Vámonos ou El Respland’or. Unha das bandas máis prometedoras da escena madrileña é Morgan, que acaba de lanzar a segunda edición do seu disco colándose nas listas dos máis vendidos do ano e chega ao festival cun sold out na mítica Joy Eslava de Madrid na memoria. Completando a sección galega incorpórase o novo proxecto musical de Alfonso Espiño (Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit, Los Chavales). A faceta máis imaxinativa deste compostelán ligado ao mundo da música dende hai máis de vintecinco anos aposta pola produción propia e en galego. Pop de corte psiquedélico, aderezado cunhas pingas de rock progresivo e un chisco de folk-rock.

A ourensá Marem Landsom, achegará ao festival a súa voz profunda e chea de matices. Esta moza de 19 anos, quen lanzou recentemente o seu primeiro single «All My Storms», é unha das tres artistas seleccionadas polo Proxecto Prisma, unha iniciativa que pretende dar visibilidade a artistas menores de 23 anos a través dun programa que combina a formación, a asesoría e a experiencia da música en vivo, e coa que colabora o Vive Nigrán, entre outras organizacións. Nela pode rastrexarse a elegancia e a enerxía dos clásicos do folk e do rock -desde Bob Dylan e Neil Joung a Eliott Smith, Nick Drake ou The Velvet Underground- e cantautoras como Joan Baez, Fiona Apple, Regina Spektor, Courtney Barnett, Laura Marling ou Cat Power. As súas letras, escritas en inglés -a súa outra lingua nai- transpiran todo o sentimento dunha artista que ten raíces fondas a ambos os dous lados do Atlántico.

E por último, a banda novel nigranense Atlantic, formada a mediados de 2015 que pronto extendeu o seu radio de acción a toda a área metropolitana de Vigo, intercalando nos seus concertos “covers” coas súas propias composicións, dentro dun estilo ecléctico na órbita do indie rock.

Súmanse tamén a esta primeira edición catro dj’s: Isaac Pedrouzo, melómano de nacemento que ten percorrido todo o circuíto de salas alternativas de Galicia como DJ convidado ata que botou raíces no Café & Pop Torgal de Ourense, cidade de orixe. O vigués Edu Romero combina o seu traballo como parte do persoal de Coconut producións co de baixista do grupo Nadadora, picadiscos para Onda Cero e DJ en varios eventos, como o Festival de Cans. É un dos DJ’s máis coñecidos do panorama galego; e foi tamén encargado da programación do emblemático La Iguana Club, de Vigo. Pola súa banda Rapariga dj é unha polifacética muller con diversa experiencia en locais de Pontevedra, Vigo e Compostela, de ecléctica selección cañeira e bailable, sempre de música feita por mulleres, independentemente do estilo e a época. Con Cristina Pontanilla escoitaremos funk, stoner, rock&roll e temazos swings que tanto nos gustan bailar. Poderemos desfrutar tamén da sesión de Picnic Pop dj, onde o arte pop e espírito espontáneo do picnic vencéllanse nun menú especial en mantel de cadros para vivir unha tarde divertida sobre a herba.

Melodías naif e tecno pop serán elementos fixos na sesión de Juan Rivas, de ampla traxectoria no mundo da música como autor e intérprete pop, dj e programador.

As primeiras confirmacións do festival foron o dueto catalán Las Bictecs, máximo exponente Electro-disgusting, definido por elas mesmas, Alba e Carla, como a corrente artística que pretende molestar e non deixar indiferente a una sociedade saturada de información, Joe Crepúsculo, herdeiro do pop de discoteca máis bailable, Viva Suecia, que marca esta cita como a única en Galicia este verán e o novo proxecto Basanta, aposta local que pretende dar voz a natureza con harmonías que recordan melodías sesenteiras. Tamén estará Da Chick, proxecto espacial con base en Lisboa de Teresa Sousa, pura provocación a ritmo de disco soul e boogie funk de directo deslumbrante e a nova formación de Amparo Llanos, New Day, que xurde directamente dende o corazón cara un novo comezo para deixar claro que, tras 24 anos con Dover, aínda ten moito que dicir. O folk-pop delicioso de Os Amigos dos Músicos ampliamente aclamados por crítica e público, as rancheiras e corridos ao xeito das Rías Baixas dos vigueses Los Duques de Monterrey e o R&B e hip-hop contemporáneo baixo a vangarda dixital de BFlecha, completan o sabor galego do festival.

Incluído no circuíto Rías Baixas Fest, Vive Nigrán será a última parada das 8+1 que patrocina a Deputación de Pontevedra. A aposta do Concello de Nigrán que conta tamén co patrocinio da cevexeira Mahou, pretende converterse nun referente para os afeccionados á música en directo nun espazo natural único, concertos a pé de praia e actividades paralelas para toda a familia ao longo dos dous días. Xogos ao aire libre, un market, foodtrucks, obradoiros e charlas debuxan a filosofía deste Picnic Pop Festival ideado para gozar todo o día en familia.

VENDA DE ENTRADAS

Os primeiros abonos a prezo reducido de dez euros esgotáronse en só 48 horas e tras unha segunda promoción de bono a 12 euros, o prezo final das entradas é de 15 euros bono para os dous días e 10 euros a entrada de día. Xa poden adquirirse en ticketea e a venda física comezará este luns día 10 nos seguintes puntos: A Reixa (Santiago), Elepé (Vigo), Sim Sat (Nigrán), Plaza Fitness Sport Center (Nigrán), Chac-Mool (Playa Patos), Doppler e Café Pop Torgal (Ourense), Carnaby (Pontevedra).

CARTEL DEFINITIVO VIVE NIGRÁN