O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Turismo e Comercio dirixida por Xosé Antón Araúxo, convoca a segunda edición do concurso de decoración de vehículos, pioneiro no Val Miñor.
No concurso, que coincide coa popular Caravana de San Cristovo e que terá lugar o luns 10 de xullo, valorarase a orixinalidade, o uso de adornos (naturais ou artificiais), a combinación de cores e a harmonía. Todos estes factores serán avaliados por un xurado composto por profesionais da decoración e comerciantes de Gondomar.
Os vehículos participantes dividiranse en catro categorías: máis de 3500 quilos, menos de 3500 quilos, turismos e motos. Os premiados/as recibirán desde vales de alimentación ata cambios de aceite, aportados por un grupo de comerciantes do Concello de Gondomar.
A saída da Caravana de San Cristovo será no Polígono da Pasaxe (Vincios) ás 11:30 horas. A entrega de premios terá lugar ás 14:00 horas na Praza do Concello.

