CABE recolle máis de 2.000 sinaturas para un Centro de Saúde que cubra as necesidades de Gondomar

FOTO: GONDOMAR CONCELLO ABERTO // Membros de CABE na Delegación da Xunta de Galicia en Vigo.

Gondomar Concello Aberto vén de presentar no Rexistro da Xunta de Galicia en Vigo a petición dun Centro de Saúde que cubra as necesidades reais do concello, avalada por 2.012 sinaturas recollidas en Gondomar.

Asemade solicitan unha entrevista co Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, á maior brevidade posible, para tratar este asunto dado a prioridade de actuación que ten este tema para a saúde e benestar da veciñanza de Gondomar.

Ademais están rexistradas, con data 26 de xuño de 2017, sendas iniciativas para tratar a construción dun Centro de Saúde que asuma todas as necesidades sanitarias do concello de Gondomar, no Parlamento Galego, polo Grupo En Marea, a través dunha Proposición Non de Lei para o seu debate na Comisión e no Pleno do Parlamento Galego.

“Esperamos da Xunta de Galicia un compromiso firme e decidido coa sanidade pública e que modifique o recorte proxectado para o novo centro de saúde que vai nacer xa cun déficit asistencial e sanitario. É un disparate proxectar unha nova infraestrutura pensada para 10.000 usuarios cando na actualidade xa conta con máis de 16.000”, sinala Pauliño del Río, voceiro de CABE.

O concello de Gondomar é unha zona de rápido crecemento demográfico de carácter residencial, como expansión da cidade de Vigo e elevada afluencia estival de carácter turístico.

A poboación actual de Gondomar é de 16.085 persoas, cunha poboación infantil menor de 15 anos de 2.212 persoas e de 13.873 adultos. Na actualidade o Centro de Saúde é pequeno e con mala accesibilidade, pola ausencia de aparcadoiros e dificultades de circulación rodada xa que está rodeado de rúas estreitas dun só sentido.

Ten un dos ratios mais altos de tarxetas sanitarias, da área tanto en Médico de Familia (M.F.) como en pediatría, así como en enfermería. A iso hai que lle engadir que o centro non está a recoller toda a poboación con tarxeta sanitaria do concello só de 10.121 habitantes, dos que 1.352 son menores de 14 anos e 8.769 maiores de 14, que son atendidos no Centro de Saúde de Gondomar actualmente, a diferenza está a ser soportada polo Centro de Saúde do Val Miñor (A Xunqueira).

A actual estrutura que alberga a Unidade de Atención Primaria é claramente insuficiente. Polo que se fai imprescindible a construción dun novo centro de Atención Primaria, cun Plan Funcional e un programa de espazos que dea resposta as necesidades asistenciais actuais e poda acoller crecementos futuros.

Dada a poboación de Gondomar, 16.085 usuarios, o novo centro de saúde, debe ter unha sala de Rehabilitación con cabinas de tratamento, una sala de Fisioterapia, e unha consulta de fisioterapia. A superficie mínima seria de 1800 m2.

En decembro de 2008, se deseñou un novo centro de Atención Primaria, nunha parcela de 5.000 m2 de titularidade municipal, na zona urbana, dotada dos servizos urbanísticos necesarios e que o concello xa procedeu a realizar a cesión patrimonial ao SERGAS. Nese momento o programa de espazos e o Plan Funcional para o novo centro estaba deseñado con capacidade para 8 médicos de Medicina de Familia (3 máis que agora) e 2 Pediatras (1 máis), 8 profesionais de enfermería e 2 de enfermería pediátrica (en total 10 profesionais de enfermería, 5 máis que na actualidade), matrona, traballador social (non existe no actual centro), 4 PSX ( hai na actualidade 3) e unha auxiliar de enfermería (non hai na actualidade). Se contemplaba, un importante crecemento dos recursos de persoal. Esta era a construción no ano 2009. Cunha superficie de 1.565 m2 e un custe de 1.806.842 €. Este proxecto paralizouse coa chagada do PP á Xunta de Galicia.

No Consello da Xunta do 14 de outubro de 2010, nova aprobación do Centro de Saúde sen construílo.

O 10 de agosto de 2012, licitación de 15 Centros de Saúde, cofinanciados pola U.E. cos fondos Feder Galicia 2007-2013, nos que se atopan o de Gondomar e o de Panxón (Hoxe feito e en funcionamento). Para 10.280 TIS e unha superficie de 1.039 m2 e un custe de 2.400.000 €. O Plan Funcional para o novo centro estaba deseñado con capacidade para 6 médicos de Medicina de Familia e 1 Pediatra, 6 profesionais de enfermería, 1 matrona, 2 PSX e unha auxiliar de enfermería

En maio de 2015, previo ás eleccións municipais, comeza a súa construción. En agosto de 2015, paralízase a construción por quebra da empresa CORSAN-CORVIAM.

En xullo de 2016, novo anuncio da Xunta que sacará a concurso as obras, sen realizalo.

O 14 de febreiro de 2017, anúnciase unha nova construción do Centro de Saúde de Gondomar cunha inversión de 3.000.000 €, para rematar no 2018. Co plan Funcional do 2012.

Ante a parálise da súa construción, o 2 de marzo, Gondomar Concello Aberto a través do seu grupo municipal, presenta no pleno do Concello unha Moción sobre o Centro de Saúde, aprobada cos votos de CABE e Iniciativa x Gondomar, a abstención do PSOE e cos votos en contra do PP. Ausencia de Manifesto Miñor.

A plantilla actual do Centro de Saúde de Gondomar é de 7 Médicos de Familia, 1 Pediatra, 7 Enfermeiras, 1 Auxiliar de enfermería, 4 PSX/Auxiliar Administrativo e 1 Matrona, para toda a poboación de referencia.

“É imprescindible a construción dun novo centro de Atención Primaria, cun Plan Funcional e un programa de espazos que dea resposta ás necesidades asistenciais actuais e poda acoller crecementos futuros, en base os ratios do Plan de Mellora de Atención Primaria de 1 médico/1.250 TSI y 1 pediatra/800 menores de 14 años, así como a dotación de espazos necesarios para o desenvolvemento dos programas asistenciais”, conclúe del Río.

Gondomar Concello Aberto considera que en función da poboación existente, as necesidades reais son:

AVPageView 06072017 72842AVPageView 06072017 72926

 

Anuncios