Andrea Pais participa este fin de semana no Campionato de España Júnior de atletismo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Recepción a Andrea Pais no Concello de Baiona.

Os mellores atletas júnior españois, entre os que se atopa a baionesa Andrea Pais, teñen unha cita importante este fin de semana en Granollers, onde se disputa o LXIV Campionato de España Júnior de atletismo ao aire libre. A atleta do Atletismo Feminino Celta participará na proba de 200 metros lisos.

A cita reviste nesta ocasión unha especial relevancia posto que constitúe unha das últimas oportunidades para os atletas desta categoría para rexistrar a marca mínima de participación para o Campionato de Europa Júnior, que se celebrará na localidade italiana de Grosseto entre os días 20 e 23 de xullo próximos.

Como vén sendo tradicional a competición desenvolverase en xornadas de mañá e tarde tanto sábado como domingo e contará con máis de 800 inscricións entre todas as probas do programa.