Anuncios
Ticker de novas

Nigrán adherirase ao convenio da FEGAMP para prácticas de arquitectos técnicos no Concello

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O pleno ordinario do mes de xuño aprobou cos votos de PSOE, Nigrán Decide e UCN, a moción presentada polo partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), na que se insta ao alcalde para formalizar -o máis axiña posible-, o correspondente acordo de adhesión ao “Convenio marco de colaboración entre o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para a realización de prácticas formativas en Concellos e Deputacións de Galicia, por Arquitectos Técnicos”, habilitando unha praza de bolseiro por un período máximo de seis meses a xornada completa e unha asignación de 1.000€ brutos mensuais.

O citado convenio ten por obxecto establecer as prácticas non laborais e o desenvolvemento por parte dos arquitectos técnicos, das tarefas adecuadas ao seu nivel de formación, que lle sirvan para adquirir unha experiencia enriquecedora para que, unha vez finalizadas, poidan dispoñer dunha perspectiva que lles permita a súa incorporación ao mundo laboral, e que ao mesmo tempo o seu sabor sexa enriquecedora para o propio Concello.

UCN sostén que ao tratarse dun concello costeiro e cun marcado perfil turístico, dispón dun dinamismo que pode axudar -na medida do posible-, a que estes técnicos recentemente titulados poidan adquirir unha experiencia positiva que non só lles permita mellorar a súa formación, senón tamén adquirir experiencia tanto en obra pública como en desenvolvemento urbanístico, “ademais, resulta especialmente interesante para estes profesionais, dado que o sector da construción é un dos que máis está a sufrir as consecuencias da crise, e que por desgraza levou por diante a moitas empresas construtoras, facendo aínda máis difícil a súa incorporación ao mundo laboral”, destaca Antonio Fernández Comesaña.

O portavoz de UCN ve moi positivo este convenio que en certo xeito permite poñer un pouco de luz e completar a experiencia formativa a mozos profesionais recentemente titulados, para enfrontarse nas mellores condicións ao mercado laboral e que o Concello de Nigrán poida contribuír a alcanzar ese obxectivo. Trátase dun proxecto experimental que en función dos seus resultados, poderá valorarse no futuro a súa continuidade no tempo.

Anuncios