Inscricións abertas para participar na novena Subida Cicloturista A Groba

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O próximo 22 de xullo Baiona celebra a novena edición da Subida Cicloturista A Groba, organizada pola Concellaría de Deportes de Baiona.

A proba é de carácter ciclo turista – ciclo deportiva de marcado carácter popular, de curta distancia pero de duro percorrido, 11 km. cun desnivel de 620 m. e unha porcentaxe de 5,6%.

As categorías participantes son Júnior (1998-1999-2000-2001-2002), Sénior (1997 ata 1977), Veteranos anteriores a 1976 e Censados en Baiona, todas elas tanto masculinas coma femininas. A idade mínima para participar establécese nos 15 anos (2002). Os participantes menores de idade requiren dunha autorización dun titor responsable para a súa inscrición.

Tamén haberá clasificación por equipos, que se establece outorgándolle punto polo posto conseguido en liña de meta por cada un dos integrantes na clasificación absoluta, sumándose todos os puntos alcanzados polos membros do equipo.

Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, para o participante de maior idade e o máis novo, para o primeiro clasificado de Baiona e ao gañador por equipos.

A saída da proba será ás 11 horas dende o Pavillón Municipal, sendo Neutralizada cun percorrido de quentamento ata a rotonda de Baredo e volta. A saída oficial será á altura da Virxe da Rocha.

Para participar é obrigatorio o uso de casco protector e dunha bicicleta non eléctrica.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 19 de xullo ás 12 horas e ten un custo de 5 euros. As inscricións poden realizarse a través da plataforma http://www.championchipnorte.com, fisicamente no Pavillón Municipal de Baiona ou a través do correo deportes@baiona.org.

O número de prazas é limitado, polo que se realizará en rigorosa orde de inscrición. Hai que realizar o ingreso na conta de laCaixa do Concello de Baiona ES20-2100-1821-6802-000000539 e entregar o xustificante acompañado da folla de inscrición nas oficinas do Pavillón de Deportes, ou envialo a través do correo deportes@baiona.org especificando o nome do participante.