Anuncios
Ticker de novas

Mauro González proclámase no Galiñeiro Campión de Galicia de Enduro

Mauro González.

O corredor Mauro González, de Salvaterra de Miño, proclamouse esta mañá Campión de Galicia de Enduro na carreira “Serra do Galiñeiro”, disputada en Gondomar.

En total, 125 corredores tomaban a saída desde o Campo de fútbol de Vincios para disputar os 5 tramos cronometrados que compoñían a proba. No TC1 comezou liderando Mauro González, con clara vantaxe sobre o resto de corredores. A 3 segundos completaba a primeira especial o vigúes Pablo Míguez, seguido a 1 segundo de Rubén Rodríguez, corredor tudense gañador do Trans Nomad de 2016. José Manuel Pérez Vaqueiro completaba esta especial en cuarta posición, seguido de Tony Pérez, quinto.

No segundo tramo cronometrado o local José Manuel López Vaqueiro, do club +EnduroMTB, quedou en primeiro lugar, seguido de Mauro e terceiro Tony Pérez, que ía escalando postos desta maneira, ata completar a segunda posición na xeral.

No TC3 seguiu liderando Vaqueiro, Tony segundo e Mauro terceiro. O TC4, a especial máis técnica e máis longa de toda a carreira, sería a que marcaría o resultado final da proba. Mauro completouna en primeira posición, seguido de Tony e terceiro Vaqueiro. O TC5 xa foi un tramo de trámite para finalizar este Enduro “Serra do Galiñeiro”. A proba completou un total de 31 quilómetros con 7,6 de distancia cronometrada e un desnivel acumulado total de 1.300 metros.

Mauro González, corredor de Salvaterra de Miño fíxose con este Enduro “Serra do Galiñeiro” ao completar a proba en 18:12. Segunda posición para Tony Pérez, e terceiro o local José Manuel López Vaqueiro.

En mulleres, a gañadora da carreira foi Desirée Duarte, actual Campioa de España de Enduro. “Estou moi contenta, paseino mal fisicamente e tiven algún problema mecánico en dúas baixadas, pero ao final todo ben. O ano pasado xa me gustaba moito esta carreira. As baixadas son divertidas”, aseguraba ao terminar a carreira.

CAMPIONATO DE GALICIA

O primeiro posto de Mauro en “Serra do Galiñeiro” facíalle vencedor do Campionato de Galicia de Enduro na categoría de elite. Segundo o tudense Rubén Rodríguez e terceiro o corredor de Vigo, Pablo Míguez. Ao termo da carreira, Mauro comentaba; “era un pequeno obxectivo que me marcaba. Os Campionatos de Galicia sempre son especiais e gusta facelo ben. Conseguín gañar o absoluto xeneral, fun mantendo ritmo desde o principio e no TC4 apertei para tentar marcar a diferenza no tramo máis físico e máis longo da carreira. E no TC5 tentei non cometer erros para asegurar”.

Na categoría master 30 vestía a camisola de Campión de Galicia o vigués Tony Perez. Segundo Borjita Carneiro, corredor do club DH Galicia, e terceiro Sergio Santomé.

Ao termo da proba Tony Pérez aseguraba: “empecei frouxo porque levo unhas semanas coa bicicleta abandonada. Chegaba a esta carreira con poucas expectativas e segundo ían pasando os tramos vía que podía chegar e o TC4 foi clave. Fun en ritmo ascendente e conservando xa ao final. Estou moi contento”.

No acto de entrega de premios estiveron presentes a concelleira de Deportes e Cultura de Gondomar, Nuria Lameiro; José Manuel Chamorro, concelleiro de Vías e Obras do mesmo concello, e o presidente da Comunidade de Montes de Chaín. Por parte da Federación Galega de Ciclismo asistiron á entrega de premios a secretaria da FGC, Begoña Carpinteiro, e Esteban Lorenzo.

 

Anuncios