Adrián Valverde proclámase en Cambre campión de Galicia elite de XCO

FOTO: LUZ IGLESIAS

Cunha sorpresa e cun resultado agardado resolvéronse os títulos elite no Campionato de Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) celebrado este sábado na localidade coruñesa de Cambre. Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) rachou os prognósticos para triunfar por primeira vez na proba raíña masculina, mentres que Lucía Vázquez (ProRebordosa) sumou a súa undécima coroa autonómica feminina.

O Club Ciclista Cambre levaba anos con gañas de organizar este campionato e o seu soño fíxoo realidade no circuíto “máis veterano” de Galicia. Un escenario histórico e o preferido de moitos bikers. A cita reuniu a 148 corredores para pugnar por once títulos autonómicos, tres semanas antes de que se disputen os Campionatos de España en Confrentes (Valencia).

A presenza da gran favorita na carreira elite e sub23 foi unha incógnita ata última hora. Lucía Vázquez sufriu un percance ao inicio da semana que lle provocou unha intensa dor na súa perna dereita. Malia iso, compareceu na liña de saída para reafirmar a súa hexemonía e adxudicarse por undécima ocasión o título galego elite.

A vilaboense impúxose con solvencia. Cun tempo de 1:33:01, avantaxou en 4:20 a Nuria Senra (Eskornabois), en 6:15 á campioa sub23 Irene Trabazo e en 9:12 a Diana Blanco (Barbanzabike). A segunda e a terceira praza nas sub23 correspondéronlles a Claudia e Elsa Portela, as irmás da Escola de Ciclismo Redondela.

Vitoria emotiva

Manuel Parada, o líder do Open de Galicia – Anova XCO, era o principal candidato ao triunfo entre os elite e sub23, pero a mala sorte cebouse ao igual que no 2016 co representante do Barbanzabike. Unha avaría na súa roda traseira durante a primeira volta fíxolle perder moitos postos. Coa carreira máis aberta do agardado, emerxeu a figura de Adrián Valverde.

«É un dos meus circuítos favoritos e aquí sempre me atopo xenial. Dáseme ben porque son subidas longas e baixadas técnicas», sinalou o biker do Club Ciclista Rías Baixas. Nese trazado que tanto lle agrada, o baionés foi de menos a máis: «Saín un pouco relaxado, con calma, porque chegaba sen presión. A medida que foron pasando as voltas fun sentindo moi boas pernas e decidín apertar. Comecei a adiantar corredores e a vitoria foi unha sorpresa. Non mo esperaba».

Valverde alcanzou a liña de meta despois de 1 hora 26 minutos e 50 segundos de esforzo e rachou a chorar: «Moitos campionatos escapáronseme por pequenos detalles e esta primeira vitoria, no me debut en Elite, é moi emotiva». A 1:54 do gañador rematou Samuel González, primeiro sub23, e a 2:35 Parada, que tras asinar unha espectacular remonta impúxose ao sprint ao tamén elite Fernando Guerra (Os Esfola Arrós). Pola súa banda, o podio sub23 completárono Raúl Carracedo (Academia Postal – Actyon – MMR) e Marcos Roca (Betanzos), segundo e terceiro respectivamente da súa categoría.

Todos os gañadores recolleron no podio os seus maillots que os acredita como campións de Galicia do ano 2017. Nesta cerimonia participaron Leonor Fernández, terceira tenente alcalde de Cambre; Josefa Vázquez, concelleira de Seguridade Cidadá; Antonio Carrodeguas, presidente do Club Ciclista Cambre; e Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo. Os especialistas en XCO terán a súa próxima cita o vindeiro sábado en Sanxenxo, coa penúltima xornada do Open de Galicia – Anova.