O baionés Yaggo comparte escenario cos mellores DJ’s do planeta

FOTO: BRUNO CORREIA

O DJ baionés Yaggo foi o primeiro en subir este sábado ao palco da décima edición da Nova Era EDP Beach Party, que se celebra desde o venres na praia do Aterro Norte, en Matosinhos (Portugal).

Tras presentarse ao concurso de DJs organizado pola emisora produtora do evento, Radio Nova Era, o novo DJ e produtor galego resultaba gañador xunto ao artista portugués Vendark, conseguindo así participar nun dos festivais más grandes de Europa onde sempre actuaron os mellores artistas electrónicos do momento.

Nesta edición, non ían ser menos, elaborando un cartel cos recentemente mellores DJs do planeta, Martin Garrix e Hardwell, entre outros destacados coma Carnage, Tony Junior, Kriss Kross Amsterdam ou Bassjackers e enchendo o cartel con artistas do país veciño.

Yaggo comentaba entón que era “un soño feito realidade. Todos os días traballas para ser recompensado e conseguir as túas metas, e de súpeto, atópaste con algo así”. Con tan só 21 anos, Yaggo, é un dos artistas máis prometedores do panorama electrónico e asegura que esta tempada non vai quedar de brazos cruzados, xa que isto é so o comezo dun ambicioso verán onde ten marcadas varias datas en diferentes puntos da costa mediterránea e tamén na nosa zona onde non nos deixará indiferentes.