Anuncios
Ticker de novas

Medio centenar de nenos regatean este fin de semana na Final da Liga Social Baitra

FOTO: ROSANA CALVO // A baía de Baiona será o escenario da Final da Liga Social Baitra.

Medio centenar de nenos de entre 7 e 18 anos regatean este fin de semana na Final da Liga Social Baitra, unha competición organizada polo Monte Real Club de Yates que incluirá varias regatas na baía de Baiona.

As probas, nas que competirán novos regatistas das clases Optimist e 420, disputaranse o sábado a partir da unha da tarde e o domingo desde as once e media da mañá. Serán percorridos entre boias, colocadas en forma de trapecio, nun campo de regatas que se poderá ver tanto desde a península do Parador Nacional de Baiona como desde os areais máis próximos.

Aos Optimist e 420, habituados a adestramentos e competicións, sumaranse, nesta ocasión, un grupo de Omegas nos que navegarán nenos que se están iniciando no mundo da vela. É unha iniciativa coa que os responsables da Escola de Vela do Monte Real buscan ofrecerlle, aos máis pequenos, a oportunidade de vivir desde dentro a experiencia dunha regata.

Tras finalizar as últimas probas na auga, o domingo ao mediodía, a competición trasladarase a terra firme para celebrar a entrega de premios aos gañadores, na que participarán o xerente de Baitra, Juan Carlos González, como patrocinador do evento; e varios representantes do concello de Baiona e a xunta directiva do Monte Real.

A Final da Liga Social supón a clausura da tempada 2016-2017 da Escola de Vela MRCYB e marca o inicio da programación estival do club, que inclúe múltiples actividades para todo tipo de públicos, tanto deportivas como de lecer.

Para os máis pequenos, o Monte Real tamén ten programados cursos de vela lixeira durante os meses de xullo e agosto, en horario de mañá ou tarde. E para os maiores, cursos de vela cruceiro.O club tamén organiza escapadas ás Illas Cíes desde Baiona, coas que pasar todo un día navegando; e atardeceres en veleiro, coas que gozar da posta de sol a bordo dun dos barcos do club.

Anuncios