Anuncios
Ticker de novas

Gondomar acolle este domingo o Campionato de Galicia de Enduro

Este domingo 2 de xullo terá lugar en Gondomar o Campionato de Galicia de Enduro. En total, 130 corredores tomarán a saída para disputar a segunda edición de “Serra do Galiñeriro”, única proba puntuable para o Campionato.

Esta tarde tiña lugar a rolda de prensa de presentación da carreira no concello de Gondomar, con presenza do alcalde do municipio, e con corredores de renome que participarán na proba do domingo, como Óscar Martínez, vencedor da proba en 2016. O alcalde de Gondomar, Paco Ferrerira, indicaba que “é un pracer contar cun evento deportivo desta índole. Teremos entre os corredores a campións de España, e convidamos a todos os veciños a que compartan connosco un día de deporte e achéguense os foráneos a coñecer o noso concello e as nosas paraxes”.

Pola súa banda Rodrigo Artos, presidente do club +EnduroMTB, organizadores da proba, asegurou: “estamos moi contentos de que nesta segunda edición da carreira dispútese o Campionato de Galicia. O ano pasado fomos proba puntuable do Open de Galicia de Enduro e a carreira foi todo un éxito tanto de participación como as sensacións coas que quedaron os corredores. Este ano moitos repiten, e únense outros riders de nivel polo que convidamos a todos os afeccionados a que se acheguen ao Galiñeiro a ver competir aos mellores corredores de Galicia. A diversión e a competición están aseguradas. Van estar moi rifados os primeiros postos”.

Na carreira participarán riders de primeiro nivel da nosa Comunidade. Tony Pérez, actual campión de Galicia, tentará revalidar o título na carreira do Galiñeiro. O corredor vigués, dúas veces gañador do Open de España, parte como un dos favoritos. En fronte terá a Óscar Martínez, vencedor da primeira edición de “Serra do Galiñeiro” e actual campión do Open de Galicia. O tudense Rubén Rodríguez tamén terá moito que dicir, vixente campión do Trans Nomad de Pireneos.

A proba consta de 31 quilómetros con 5 tramos cronometrados que completarán unha distancia de 7,6 km. e cun desnivel acumulado de 1.300 metros. O TC1 é un tramo ideal para entrar na carreira. O TC2 con zonas moi físicas para dar paso ao TC3, unha especial moi divertida, rápida, con moito “flow”. TC4 é o tramo máis longo e máis técnico de toda a proba, que seguro marcará a diferenza entre os corredores. E para terminar, o TC5, rápido e de trámite para finalizar a carreira.

O primeiro corredor tomará a saída ás 08.30 horas desde o campo de fútbol de Vincios cara aos montes do Galiñeiro para disputar este Campionato de Galicia de Enduro. A entrega de premios será ás 14.00 horas no mesmo punto de saída.

PUMP TRACK

Con motivo da celebración do Campionato de Galicia de Enduro e para achegar o deporte de bicicleta a todos os públicos, na tarde deste sábado día 1 de xuño terá lugar, no campo de fútbol de Vincios, unha competición de Pump Track. Trátase dunha modalidade que se disputa en circuíto e onde os corredores terán que demostrar a súa habilidade ante unha sucesión de saltos sen ter que pedalear. A inercia e os movementos do corpo suplirán ao pedaleo nos 60 metros de trazado.

As mangas clasificatorias darán comezo ás 16.00 horas e a manga final disputarase ás 19.00 horas, seguida da entrega de premios. En total, participarán 40 corredores con idades desde os 9 anos.

Anuncios