Baiona abre os Campus de Verán

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Foto de familia do Campus de Tenis.

O Concello de Baiona inaugurou esta semana a oferta deportiva de verán co Campus de Tenis Concello de Baiona-La Caixa, que conta coa colaboración do Club Tenis Baiona e a Concellería de Deportes e Actividades Marítimas.

A primeira das actividades realízase nas instalacións do Pavillón Municipal de Deportes, no Colexio Covaterreña e o campo de fútbol do Aral, de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. Este mércores o campus contou coa presenza dun grande do tenis Galego, Lolo Santomé, o actual número 1 de Galicia e 74 de España, que realizou un clínic cos preto de 30 alumnos inscritos.

Durante o transcurso do campus, os nenos teñen unha toma de contacto co tenis. Para algúns é a primeira vez, e para outros, lles vale para seguir mellorando a técnica que durante todo o ano foron adestrando nos seus respectivos clubs ou escolas de tenis. Para iso hai dous monitores experimentados, Carlos García e Juan Freitas, ambos titulados pola RPT (Rexistro Profesional de Tenis).

Non todo será tenis no campus, e como todos os anos, o xoves haberá unha saída á praia da Ribeira para pasar unha mañá distinta, chea de xogos e diversión. E o venres haberá un pequeno torneo entre os alumnos para poñer en práctica todo o aprendido durante a semana.

O Concello de Baiona ofrecerá dende xuño a setembro un total de 16 campus deportivos, tres deles específicos para integración e dedicados a nenos e maiores con dificultades motrices ou psíquicas. Co patrocinio de La Caixa e en colaboración cos clubs, a oferta amplíase este ano con volei praia, bádminton e multideporte adaptado.

As novidades este ano chegan coa inclusión de dous campus (Baloncesto, Tenis) destinado a nenos a partir de 7 anos e maiores con dificultades motrices e psíquicas para que se poidan ir incorporando e tamén un campus específico (Multideporte) adaptado para eles como proba piloto do interese do Concello por ofrecer deporte para todos.

Os campus de Baloncesto e Tenis non terán límite de idade e estarán destinados á integración, mentres que o de Multideporte, a celebrar a primeira semana de setembro, vai enfocado de forma específica a persoas con discapacidade. “Trátase dun paso máis adiante para o Concello no esforzo para dar posibilidades de desenvolvemento a todas as persoas e tamén na tarefa de conciliación familiar”, apunta Policarpo Vilar, concelleiro de Accesibilidade. O club vigués Amfiv será o encargado de poñer en marcha as actividades adaptadas.

A oferta deportiva dos campus está deseñada entre todos os clubs deportivos locais (Erizana CF, Club Baloncesto Baiona, Club de Loita Sabarís, Club de Tenis Baiona, Galicia en Danza, MRC Yates de Baiona, Club Piragüismo Baiona, Westsports Ladeira, Baíña Fútbol Sala, Club de Patín Baiona, Club Atletismo Baiona, Vigo Vóley, Club de Bádminton do Val Miñor, Club Deportivo Amfiv e Club de Ximnasia Rítmica Estelas) e destaca dentro da oferta deste verán 2017 a incorporación de campus deportivos tan novos como o Campus de Bádminton e o de Vólei Praia.

O Concello de Baiona segue apostando tamén polos Campus de Deportes Náuticos, que se amplían con catro quendas (mañá e tarde) para acoller ao maior número de interesados en practicar vela lixeira (MRC Yates), Piragüismo (Club Piragüismo Baiona) e Windsurf e Pádel Surf (Wetsports Ladeira).

Dezaseis campus en once semanas de vacacións

Este ano 2017 ofértanse en total 16 campus repartidos entre as 11 semanas de vacacións escolares para conciliar vacacións co traballo familiar con oito disciplinas no mes de xullo (tenis, deportes de combate, ciclismo, danza, deportes náuticos, fútbol sala, multideporte e vólei praia) e outras oito no mes de agosto (fútbol, rítmica, atletismo, baloncesto, deportes náuticos, actividades de patín, bádminton e multideporte adaptado).

Desde a Concellería de Deportes e os distintos clubs locais elaborouse un programa técnico e lúdico orientado cara a un enfoque común para outorgarlle unha uniformidade á oferta deportiva. Todos os campus desenvólvense ao longo dunha semana, en horario de 10.00 a 14.00 horas aínda que para facilitarlle aos pais máis marxe horaria establécese xa desde as 9.00 da mañá o horario de recepción dos alumnos, a excepción do campus náutico en xornada de tarde que terá un horario especial.

Máis información e inscricións no Pavillón Municipal de Deportes, no correo electrónico deportes@baiona.org ou no teléfono 986 356 558.