Anuncios
Ticker de novas

Nace a primeira aplicación para o turismo e o comercio de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación de Baiona-APP.

O Concello de Baiona e as Asociacións de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) e Sabarís (Coemsa) presentaron este martes na Casa-Museo da Navegación a primeira aplicación para móbiles e tablets dedicada ao turismo e o comercio da Vila.

Baiona é o nome da nova aplicación posta en marcha pola empresa Blaz Development como localizador de comercios, servizos e puntos de interese do municipio. O acto de presentación levouse a cabo este martes no Auditorio do Museo da Navegación coa presenza do alcalde, Ángel Rodal; a concelleira de Turismo, Beatriz González; a concelleira de Comercio, Carmen Paredes; o presidente de Aceba, Marcos Comesaña, e os responsables da APP, os enxeñeiros Ángela Piñeiro e Diego Estévez e a comercial, María Mosquera.

“A aplicación ten unha interface moi sinxela para os usuarios, que atoparán un mapa centrado no Concello, un buscador, unha sección de favoritos e un menú”, apuntou Ángela Piñeiro durante a presentación. Xa dispoñible para sistemas Android, tamén estará proximamente en dispositivos iOS (Apple).

“Coa aplicación os negocios daranse a coñecer e poderán chegar a persoas da Vila que aínda non eran os seus clientes, quizais por descoñecemento. Por outra banda, terá un valor engadido para o sector turístico, permitindo que coñeza e goce de todos os servizos que Baiona pode ofrecerlle, ademais de todos os puntos de interese”, explicou Diego Estévez.

O obxectivo deste proxecto é dar aos cidadáns e turistas unha aplicación para móbil ou tablet sinxela que lles permita buscar e localizar todos os negocios, servizos e puntos turísticos do lugar. O rexedor, Ángel Rodal, felicitou aos responsables da iniciativa pola posta en marcha dunha aplicación que “será moi útil tanto ás xentes que nos visitan como aos baioneses ou aos empresarios” da Vila.

A aplicación Baiona, promovida dende o Concello, Aceba e Coemsa, dispón dunha lupa a través da cal os usuarios poderán facer unha busca guiada que suxerirá destinos a medida que vaise introducindo carácteres. Cada lugar ten asignadas palabras clave e por defecto levan ata o modelo de negocio. Os propietarios dos establecementos poden engadir cinco palabras polas que lles gustaría ser buscados e localizados.

No menú dispoñible na aplicación aparece unha listaxe de todas as categorías principais que poden buscarse, ademais dunha sección de favoritos na que o usuario pode gardar os seus propios asuntos de interese para consultar de maneira máis sinxela no futuro.

Anuncios