Roberto Paz, do club San Cibrán, subcampión de España de bolos celta

FOTO: FEDERACIÓN GALEGA DE BOLOS // Roberto Paz do club de bolos San Cibrán (Gondomar).

O pasado fin de semana celebrouse na Quinta Asturiana de Villaviciosa de Odón (Madrid) o Campionato de España de bolos celta, modalidade individual.

A Federación Galega estaba representada por 4 xogadores que xunto a outros das comunidades asturiana e madrileña e o campión de España do ano anterior competiron durante todo o día 24 (sábado).

Rematado o Campionato proclamaríase novo campión de España o asturiano, Manuel Fernández do club Compastur, sendo o segundo posto para o galego Roberto Paz do club de bolos San Cibrán (Gondomar). O terceiro e cuarto correspondería aos xogadores asturianos, Jonatan González e David García, dos equipos Bahinas e La Panera respectivamente.

Os restantes galegos: Adrián Rodríguez; Diego Pérez e Cristian Rodríguez, ocuparían os postos 6º, 7º e 8º respectivamente.

O domingo e no mesmo escenario celebrouse o Campionato de España de seleccións territoriais, no que os catro xogadores galegos (Roberto, Adrián, Diego e Cristian) xogaron a un alto nivel, superando na final á selección asturiana, proclamándose así campións de España.

O próximo fin de semana (1 e 2 de xullo) celebrarase en Camos (Nigrán) o Campionato Galego Intermodal, xogándose 10 modalidades diferentes de bolos pertencentes ás catro provincias galegas. O campionato comezará ás 10:00 horas do día 1 e as finais o domingo a partir das 9:30 horas.

Anuncios