Anuncios
Ticker de novas

Panorama pechará as festas da Cela de Baredo

FOTO: ORQUESTRA PANORAMA

A Orquestra Panorama actuará o próximo fin de semana nas festas patronais da parroquia baionesa de Baredo, dentro da súa xira “Dreams Tour”. Podería traducirse como unha “viaxe de ilusión”, e leva unha importante aposta pola innovación técnica e, sobre todo, por ofrecer un espectáculo novo, coa mellor música, coreografías impactantes e, como sempre, un apartado especial dedicado ao baile. Para iso, contará con ao redor de 30 persoas traballando a diario para facer posible cada unha das súas actuacións, entre os artistas que se soben ao escenario e os técnicos de montaxe.

A idea é transmitir aos espectadores a importancia dos soños e de que estes, con traballo, esforzo e moita ilusión, pódense converter en realidade. Así, en cada inicio da posta en escena, os asistentes achegaranse aos pensamentos que deron orixe ao soño en que se converteu esta xira, e comprender deste xeito o desenvolvemento do espectáculo.

Para esta Xira Dreams Tour 2017 a Orquestra Panorama conta con todo o material técnico novo, como é o escenario na súa totalidade, pantallas e medios de iluminación de última xeración, tarimas móbiles e moitas sorpresas máis que o espectador irá descubrindo cada noite.

Será unha das xiras máis viaxeiras para a Orquestra Panorama, xa que ademais de percorrer toda Galicia, fará o mesmo con boa parte de España. A estas alturas xa conta con contratacións en León, Valencia, Madrid, Segovia, Asturias, Salamanca, Cantabria, Burgos ou Palencia, o que permitirá que miles de cidadáns poidan achegarse a un espectáculo musical único producido en Galicia en moi diversos puntos de España.

Programa das festas da Virxe da Cela de Baredo

O sábado 1 de xullo, as agrupacións encargadas de amenizar a gran verbena serán a orquestra Xacobeo e o grupo Samba.

O domingo 2 ás 9:00 da mañá haberá unha Misa Rezada e ás 12:00 do mediodía, a Banda de Música de Baiona ofrecerá un pasarrúas. Ás 13:00 horas comezará a Misa Solemne cantada pola Coral de Baredo, con posterior procesión acompañada pola mesma Banda de Música. A continuación, gran tirada de lumes. Ás 18:00 horas terá lugar o gran partido de fútbol entre solteiros/as e casados/as, e pola noite, as orquestras Pontevedra e Caramelo amenizarán a verbena.

O luns 3 ás 10:00 da mañá, pasarrúas a cargo da agrupación Airiños Novos de Pinzás. Ás 12:00 horas celebrarase unha Misa Solemne cantada pola Coral de Baredo, seguida de procesión acompañada polo mesmo grupo. A continuación, gran tirada de lumes e ás 17:30 horas, as tradicionais cucañas. Pola noite, a orquestra Panorama e o grupo La Oca amenizarán a verbena fin de festa.

Anuncios