Anuncios
Ticker de novas

Máis de 200 persoas celebraron en Nigrán o Patos Surfing Day

FOTO: PATOS SURF CLUB

Organizado polo Concello de Nigrán, a Federación Galega de Surf e o Patos Surf Club, máis de douscentos surfeiros celebraron este domingo 25 de xuño na praia de Patos o “Patos Surfing Day 2017”, o que supuxo un récord en comparación con edicións anteriores do Día Internacional do Surf.

Durante este día centenares de profesionais por todo o mundo presentaron ao público a cultura e o deporte do surf a través de diferentes actividades completamente gratuítas. Son xa 10 anos desde que comezou esta iniciativa que ten como fin a promoción do surf. Neste día diversas organizacións celebran en todo o mundo un día de festa no que se fan limpezas de praias, as escolas dan cursos gratis de surf, fanse grelladas na praia, etc…

No “Patos Surfing Day” púidose gozar de música na praia, cursos gratuítos de surf, préstamo de táboas, cursos de pádel surf, exhibicións de Flysurf e Hoverboard, zumba, concurso de baile, gran grellada na praia e como sempre ao finalizar o día nun último acto ecolóxico, realizouse unha limpeza da praia, con premios para os que levaron unha bolsa chea de lixo.

Este acontecemento na praia de Patos está a converterse nunha xornada moi familiar con actividades tanto para nenos como para maiores, ou tamén para non ver aos nenos en toda a xornada entretidos polos monitores do club Patos, pero tamén se empezan a ver as distintas xeracións de surfeiras que empezan a haber en Patos, onde os primeiros surfeiros da praia xa teñen fillos e algún xa queda pouco para ser avó.

“Foi incrible ver aos pequenos e non tan pequenos, probarse por primeira vez un neopreno, ou coller a súa primeira onda, o seu sorriso foi a recompensa a tanto esforzo. Moitos deles a partir de agora van ver as ondas e as praias doutra maneira, e a maioría dos pais non saben o que lles espera”, sinalan desde Patos Surf Club.

Este ano o número de inscritos foi o máis elevado de todas as edicións. Máis de duascentas persoas puideron gozar das actividades programadas, con centos de espectadores involuntarios que se atopaban na praia de Patos.

Desde o Patos Surf Club queren agradecer a asistencia dos numerosos inscritos que os acompañaron nun día tan especial e por suposto a todos os colaboradores: Billabong, SurfVigo, Flyboard Vigo e Novalbos, e por suposto a todo o equipo da escola Patos Surf Galicia, Pointbreak e La Conservera del Surf.

Anuncios