Adrián Valverde imponse na clasificación Elite do I XCO Carballiño

FOTO: LUZ MARÍA IGLESIAS MOSQUERA

Adrián Valverde estreou a súa conta de vitorias esta tempada na semana previa ao Campionato de Galicia de Cros Country Olímpico (XCO). O biker do Club Ciclista Rías Baixas adxudicouse a clasificación Elite do I XCO Carballiño. Tan só o sub23 Samuel Gonzaléz (Salvaterra) superou ao baionés da entidade presidida por José Luis Chamorro.

A undécima xornada puntuable do Open de Galicia – Anova XCO disputouse en terras ourensás e o inédito circuíto do Carballiño sorprendeu pola súa rapidez. Samuel González venceu na carreira raíña masculina cun tempo de 1:25:49. Por detrás do sub23 do Salvaterra estableceuse unha igualada pugna polo triunfo en Elite entre o representante do conxunto miñorano e Jorge Punzón (Óscar Pereiro).

Finalmente, o especialista do Club Ciclista Rías Baixas, que cruzou a liña de meta a 53 segundos de González, fíxose co primeiro posto na súa categoría por unha diferenza de 12″. Este resultado reforza a moral de Valverde para a gran cita autonómica do próximo sábado en Cambre.