Anuncios
Ticker de novas

ABANCA renova o seu compromiso coa Escola de Vela do Monte Real

FOTO: ROSANA CALVO // O director comercial de ABANCA e o presidente do MRCYB danse a man tras a firma do convenio.

ABANCA renovou esta mañá en Baiona o seu compromiso coa vela de base en Galicia mediante a firma dun convenio que permitirá a centos de nenos iniciarse na práctica deste deporte náutico a través da Escola de Vela do Monte Real Club de Yates.

O banco con sede en Galicia volve apostar, unha vez máis, polo club baionés, dándolle unha lombeirada que desde o Monte Real consideran fundamental para seguir consolidando o seu proxecto formativo, que inclúe clases de vela lixeira e cruceiro, e un apartado especial de vela adaptada para persoas con discapacidade.

O director comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, foi o encargado de asinar esta mañá co presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, o convenio grazas ao cal o club poderá manter as actividades que realiza ao longo de todo o ano, nas que participan centos de nenos.

ABANCA foi distinguida en 2016 co Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor patrocinador polo seu compromiso coa vela de base a través do apoio que presta a numerosas escolas de vela, clubs, organizacións e empresas relacionadas coa actividade náutica.

Do mesmo xeito que durante décadas fixérono as súas entidades de orixe, ABANCA mantén unha estreita relación coa vela en todas as súas vertentes, polos seus valores formativos, deportivos e económicos. Ademais do apoio á vela de base e a nivel competición, apoia diferentes proxectos empresariais relacionados co sector náutico.

Anuncios