Anuncios
Ticker de novas

Comezan os campamentos “Depo Aventura A Lanzada” con 2.200 nenos e nenas da provincia

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, deulle esta mañá a benvida á primeira quenda de nenas e nenos dos campamentos de verán da Deputación de Pontevedra “Depo Aventura A Lanzada”, que comezan hoxe e se desenvolverán ata o vindeiro 9 de setembro. Digna Rivas destacou o carácter inclusivo desta iniciativa, á que a institución provincial destina 240.000 €, e na que participarán preto de 45 rapaces e rapazas con diversidade funcional ao longo do verán.

Segundo explicou a deputada provincial, a pesar de que todos os monitores e monitoras dos campamentos contan coa capacitación necesaria para atender as necesidades específicas destes e destas menores con necesidades especiais, aqueles que o precisen contarán con persoal de apoio extra que garanta a súa total integración. Así, nesta primeira quenda, un monitor ou monitora extra atenderá as necesidades dos e das 6 menores con diversidade que estarán na Lanzada entre o 25 de xuño e o 1 de xullo.

O obxectivo deste programa, que este ano por primeira vez inclúe actividades de inmersión lingüística en inglés, é que os 2.200 menores que pasen pola Lanzada empreguen o seu tempo libre no verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, artístico, medioambiental, deportivo e formativo que contribúan ao seu enriquecemento persoal e lles faciliten coñecer outros lugares fóra da súa contorna habitual.

En total, o programa oferta 2.200 prazas das cales a Deputación de Pontevedra subvenciona co 50% 1.900 prazas, debendo aboar as familias interesadas 100 € por praza, 80 € no caso das familias numerosas. As 300 prazas restantes, dirixidas a menores en situación ou risco de exclusión social, serán subvencionadas ó 100%. Neste caso concreto, 260 prazas destinaranse ás nenas e ós nenos en situación ou risco de exclusión social dos concellos da provincia de Pontevedra, 25 a nenas e nenos do Centro Príncipe Felipe e 15 para aquelas e aqueles que se atopen en situación de tutela ou garda administrativa doutros centros da provincia.

Anuncios