Anuncios
Ticker de novas

San Cibrán celebra este domingo o seu curro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Este domingo celébrase o segundo curro da tempada no Val Miñor, o de San Cibrán, na parroquia gondomareña de Donas, no lugar das Lagoas de Cereixo, nos montes da Groba.

O curro principal é rectangular, semisoterrado no chan e pechado en granito. Encostado ao principal hai dous pequenos recintos, tamén en pedra, un para os poldros e outro para os animais en venda.

A pesar de ser o máis novo, o desenvolvemento do curro de San Cibrán mantén moitas semellanzas con respecto aos outros curros tradicionais da Serra da Groba.

O día do curro, pola mañá cedo, os besteiros proceden a bater o monte para xuntar as greas no lugar da parada. A continuación realízase a baixa coa peculiaridade de que se realiza guiada por un cordón de xentes unidas con paus, que conduce ás burras polos dous quilómetros de baixa camiñando paralelamente a elas.

Este roteiro é un dos de máis altitude do Val Miñor; comeza no alto de Pedras Miúdas en Pinzás (Tomiño) desde o lugar de Campo Redondo. As burras procedentes dos montes de Baiona, Oia, O Rosal, Tomiño, Gondomar e da Serra da Groba, son conducidas por un cordón formado por xente dacabalo e a pé a través dunha ampla chaira.

Xa no curro procédese aos labores tradicionais de separación de poldros, garañóns e eguas preñadas, venda ou marcaxe, rape, desparasitación e solta.

Anuncios