As fogueiras de San Xoán iluminan Panxón

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Unha das dúas grandes cacharelas de Panxón.

Como cada ano, miles de persoas elixiron Panxón para pasar a noite de San Xoán e dar a benvida ao verán. Ás 00:00 horas producíase o acendido das tradicionais cacharelas. Ademais das dúas grandes, múltiples réplicas de menor tamaño iluminaban o areal.

Mentres algúns poñían en práctica o ritual de pasar por enriba destas ou meterse no mar a saltar as ondas, xa que bañarse durante esta noite asegura saúde para uns e boa sorte para outros, para todo o ano, ou tamén a eliminación de enerxías negativas e aumentar a fertilidade feminina se se saltan as ondas virando as costas ao mar, outros gozaban da verbena situada no porto coas agrupacións Claxxon e La Favorita.

O paseo de Panxón, con centos de postos de todo tipo, tamén permanecía abarrotado, mentres no recinto feiral, as atraccións eran as protagonistas.

Continúa a festa

Tras as multitudinarias fogueiras, o sábado a Banda Militar Brilat de Pontevedra volverá ser a protagonista ao ofrecer por segundo ano un concerto e acompañar á procesión de San Xoán. A banda da Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable participa nas principais procesións do país e, sen dúbida, a súa presenza unha vez máis en Nigrán contribuirá a sumar puntos a favor da declaración de Festa de Interese Turístico Galego. Así, ás 19.00 horas ofrecerá un concerto no porto e tras a misa cantada de San Xoán ás 20.00 horas no Templo Votivo desfilará na procesión. Posteriormente, a verbena estará amenizada por América SL e Bahía.

O domingo 25, Día do Carme, Panxón vivirá outra das xornadas máis esperadas e emotivas do ano coa gran tirada de fogos de luces a cargo de Argimiro Alborés (empresa do municipio galardoada en 2016 cos Premios Nigrán ao mérito empresarial). Este día a festa comeza ás 10.00 horas con pasarrúas a cargo da Unión Musical de Coruxo, pola tarde animación infantil e ás 21.30 horas misa cantada a cargo do coro nigranés Stella Maris no Templo Votivo de Panxón na honra da Virxe do Carme e posterior ofrenda floral no porto e tirada de fogos artificiais. A verbena animaraa Televisión e Iris. Será tamén o domingo un dos días máis especiais para a parroquia, xa que durante a eucaristía homenaxearase a Juan José Durán Domínguez, mariñeiro de Panxón falecido en abril fronte ás costas de Baiona ao caer ao mar enganchado ao aparello, e a Francisco Mariño Crespo, veciño de Panxón que perdeu a vida en abril afogado na praia nigranesa da Madorra. Tradicionalmente, a homenaxe realizábase aos mariñeiros máis lonxevos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.