O luns comeza o Campus de Tenis de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Foto de familia da edición 2016 do Campus de Tenis.

Este luns dará comezo o Campus de Tenis Concello de Baiona “La Caixa”, organizado polo Club de Tenis Baiona e a Concellería de Deportes e Actividades Marítimas.

O campus realizarase nas instalacións do Pavillón Municipal de Deportes, no Pavillón do CPI Covaterreña e no campo de fútbol do Aral, desde o luns 26 ata o venres 30 de xuño de 10:00 a 14:00 horas. O mércores 28 os participantes terán a oportunidade de coñecer a un grande do tenis galego, Lolo Santomé, o actual número 1 de Galicia e 74 de España, que realizará un clínic cos preto de 30 alumnos inscritos.

Durante o transcurso do campus, os nenos terán unha toma de contacto co tenis. Para algúns será a primeira vez, e para outros, valeralles para seguir mellorando a técnica que durante todo o ano foron adestrando nos seus respectivos clubs ou escolas de tenis. Para iso contarán coa presenza de dous monitores experimentados, Carlos García e Juan Freitas, ambos os dous titulados pola RPT (Rexistro Profesional de Tenis).

Non todo será tenis no campus, e como todos os anos, o xoves farán unha saída á praia da Ribeira. Pasarán unha mañá distinta, chea de xogos e diversión. E chegado o venres, organizarase un pequeno torneo entre os alumnos para poñer en práctica todo o aprendido durante a semana.