Anuncios
Ticker de novas

88 efectivos reforzarán os persoais da Garda Civil e Policía Nacional na provincia de Pontevedra

FOTO: SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, presentou, xunto ao comisario xefe provincial da Policía Nacional, Manuel Bouzas, e ao tenente coronel da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Manuel Touceda, o Plan Turismo Seguro 2017 para a provincia.

O Plan Turismo Seguro ten como obxectivo informar os visitantes das medidas que deben ter en conta para evitar ser vítimas de delitos e extremar a prevención nos lugares de maior afluencia turística, que no caso da nosa provincia son principalmente as zonas costeiras e o Camiño de Santiago.

Tal e como lembrou a subdelegada do Goberno, “aínda que a seguridade ao 100% non se pode garantir, si se pode asegurar que se poñen todos os medios dispoñibles para achegarnos o máximo posible a un resultado de total satisfacción”. Neste sentido, o Plan de Turismo Seguro prevé dispositivos de seguridade especial e temporal, con reforzo de efectivos naqueles lugares onde resulten necesarios pola gran afluencia de persoas.

MEDIOS HUMANOS

Un total de 252 axentes reforzarán os persoais galegos durante os meses de xullo e agosto. Deles, 88 distribúense na nosa provincia. Así, 50 pertencen á Garda Civil (33 en seguridade cidadá; 5 no Seprona; 7 no escuadrón de cabalería; 2 no Tedax e 3 en Policía Xudicial), e 38 á Policía Nacional (31 alumnos en prácticas e 7 no escuadrón de cabalería). Estes axentes son parte dos 2.639 que se distribuirán en toda España entre aquelas comunidades que reciben unha maior afluencia de turistas durante a tempada estival e que se suman aos persoais xa existentes. Isto supón un incremento respecto das cifras de 2016 cando se despregaron 1.227 axentes en toda España.

A todos estes sumásense outros 21 axentes distribuídos por toda Galicia en helicópteros e do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS).

MEDIOS MATERIAIS

Os equipos que traballarán en xullo e agosto teñen entre os seus labores ademais de reforzar a seguridade, dar protección no percorrido do Camiño de Santiago e colaborar na loita contra os incendios.

Ademais da atención a pé de rúa que ofrecerán os axentes, nos centros de recepción de turistas haberá carteis informativos e vídeos ilustrativos, en castelán e en inglés, que incluirán os teléfonos e puntos de contacto aos que se pode acudir en caso de necesidade.

Xunto á presentación dos medios que se despregarán nesta tempada, Ana Ortiz lembrou a necesidade da cooperación cidadá e lembrou que “púxose a disposición do público non só os teléfonos de asistencia e os postos físicos tanto de Policía Nacional como de Garda Civil así como doutros axentes. Tamén se pode empregar a aplicación para teléfonos móbiles que permite un contacto directo coas Forzas e Corpos de Seguridade: Alertcops, que ademais incorpora a posibilidade de comunicarse a través do chat en máis de 100 idiomas”.

A seguridade é un dos motivos máis valorados á hora de que os turistas escollan España como destino vacacional. “Por iso debemos seguir nesta liña”, concluíu a subdelegada do Goberno.

Anuncios