Patos acolle por décimo ano consecutivo o Surfing Day

FOTO: PATOS SURF CLUB

Por decimo ano consecutivo, o Concello de Nigrán, en colaboración con Patos Surf Club, organiza o Surfing Day 2017, que se celebrará con motivo do Día Internacional do Surf na praia de Patos o domingo 25 de xuño entre as 9.30 e as 20.00 horas.

Esta xornada ten como obxectivo promover o surf e a súa cultura, coincidindo coa apertura da tempada estival. Durante este día, o Club Patos presentará ao público a cultura e o deporte do surf a través de cursos, obradoiros e diferentes actividades completamente gratuítas, así como dar a coñecer e compartir valores de convivencia e respecto ao medio ambiente.

Esta iniciativa de once anos de antigüidade, ten como fin a promoción do surf a nivel mundial, na que participan de forma conxunta 31 países, con máis de 3.000 actividades e uns 30.000 participantes en total.

Entre as actividades do Surfing Day 2017 destacan cursos gratuítos de surf, seminarios de fabricación artesanal de táboas, uso gratuíto do material, inchables para nenos, obradoiros de pintura, zumba, test de táboas de surf, xincanas, música en directo, exhibicións de flyboard e moitas sorpresas máis.

HORARIOS PREVISTOS:

09:30 a 10:00 Entrega de identificacións.
10:00 a 10:30 Charla sobre o surf e a súa historia.
10:30 a 11:30 Seminario “fabricación artesanal de táboas de surf”.
10:30 a 12:00 Curso gratuíto de surf.
12:00 a 13:30 Test de táboas de surf.
13:30 a 15:00 Grellada e música.
16:00 a 17:00 Curso paddle surf.
18:00 a 19:00 Exhibición flyboard e hoverboard.
16:00 a 19:30 Aluguer de material gratuíto, inchables, obradoiro de pintura, personalización de táboas de surf, xogos e concursos.
18:30 a 20:00 Charla sustentabilidade + limpeza de praia.
20:00 Entrega de premios e fin da xornada.

Todas as actividades deste día son gratuítas e buscan como fin achegar o surf a todo o mundo, sen diferenza de idade, sexo ou posición económica.